Hai bolachas que tanto ten cantas veces as fagas ou cantas saian, sabes que as vas querer facer unha e outra vez. As sablés de Nantes quedan cunha textura crocante e teñen un sabor manteigoso que se desfai na boca. E si, saen moitas. Unhas 75, de feito. Mais así como desculpa, dicirvos que iso é porque son pequenas. Se as facedes máis grandes, saen moitas menos. E tamén vos digo que non creo que haxa ninguén que se queixe se lle levades unhas bolachas de agasallo. E se se queixan, sempre mas podedes traer a min.

As sablés son un tipo de bolachas que quedan cunha textura como de area, de aí o seu nome. Adoitan ter un sabor a manteiga que eu adoro. Poden aromatizarse con reladuras de limón ou laranxa, ou ben engadindo vainilla dunha vaíña. Eu non lle botei nada porque gosto do sabor a manteiga. E o que si que é imprescindible é o belisco de sal. Como vedes, estas bolachas teñen un debuxo característico, que faremos coa axuda dun garfo. Mellor facelo antes de botarlle o verniz de ovo e nata, para que queden mais debuxadas.

Ingredientes para 75 bolachas de 4.5 cm de diámetro
- Para a masa de bolachas
125 gramos de azucre en po
250 gramos de fariña
5 gramos de fermento químico
1 belisco de sal
125 gramos de manteiga
50 gramos de ovo
- Para vernizar as bolachas
50 gramos de xemas
15 gramos de nata para montar
Preparación
- Peneiramos a fariña, o azucre en po e o fermento. Engadimos o sal.
- Cortamos a manteiga en cubiños e engadímola á mestura anterior. Amasamos ata que quede cunha textura como de area.
- Despois engadimos o ovo batido e amasamos de novo ata que quede unha masa que non se pegue nas mans. Formamos unha bóla e deixámola na neveira 12 horas.
- Despois das 12 horas, enfariñamos un papel de forno e poñemos a masa enriba, para que non se pegue no papel. Estiramos a masa co rolo ata que fique cuns 4 mm de grosor. Podemos ou ben poñer outro papel de forno enfariñado por riba, ou ben ir enfariñando o rolo segundo precisemos.
- Cortamos círculos de 4.5 cm de diámetro (se as queredes así pequenas como as miñas).
- Marca as bolachas co garfo, como vedes na imaxe. De feito, hai moitas variacións en canto aos debuxos co garfo, así que facédeo como máis vos guste se non vos presta a miña maneira.
- Agora mesturamos os ingredientes do verniz e vernizamos coa axuda cun pincel de cociña. Cómpre non botar de máis, senón non se apreciará o debuxo.
- Enforna as bolachas a 160ºC durante uns 15 minutos. Tede en conta que o tempo pode variar segundo o forno. Sacarémolas cando estean lixeiramente douradas.
- Deixamos que arrefríen sobre a grella.
Estas bolachas son crocantes e convén que non collan humidade. Polo tanto, o mellor é gardalas nunha lata ou nun bote hermético para que non perdan a textura. Así gardadas, aguantan no seu punto moito tempo. A ver, o mellor é partillalas e comelas, mais como saen moitas, tamén vos digo como gardalas, por se acaso. Estas sablés típicas de Nantes son altamente viciantes, xa volo aviso.
