A pregunta xa sei cal vai ser. Pero como vai sobrar panettone? Seino, é complicado que sobre. Mais o caso é que ás veces xúntaste con máis dun. Porque chos agasallan ou porque te ves arriba e mercas unha chea deles. Ou ben pode ser que vaiamos comer con outras persoas, e remate por poñerse máis seco. O caso é que tiñamos un panettone na casa e xa non nos apetecía moito comelo así. Así que tocaba discurrir que podiamos facer con el. E que se nos ocorreu? Pois este pudin de panettone. Con pingas de chocolate.
E a verdade é que está boísimo. Queda cunha textura cremosa, suave e húmida. E, por suposto, nótase o seu sabor a panettone. O noso era tradicional, de froitos secos. Mais calquera panettone lle acae ben. Eu diría que se é de chocolate, aínda saberá mellor. Mais iso si, o que eu lle poñería si ou si son as pingas de chocolate. Que ben lle quedan! E se o tomades acabado de saír do forno, ou lle dades un toque de microondas, aínda mellor. Que quedan desfeitas e están de vicio.
Ingredientes
Uns 500 gramos de panettone
6 ovos
700 ml de leite
65 gramos de azucre
1 culleradiña de canela
1 culleradiña de esencia de vainilla
Pingas de chocolate ao gusto
Preparación
- Esmigallamos o panettone en anacos duns 5 cm.
- Botamos un chisco de aceite de oliva sobre o molde onde vaiamos facer o pudin e botamos o panettone en anacos por riba.
- Nun bol, botamos os ovos, leite, azucre, canela e vainilla. E batemos todo ben.
- Despois botamos esta mestura sobre o panettone engadimos as pingas de chocolate.
- Deixamos que repouse uns 40 minutos para que se enchoupe ben.
- E enfornamos a 180ºC durante uns 35 minutos.
E xa teriamos o pudin de panettone a punto. En canto á compañía, o mellor é tomalo cun pouco de nata, xeado ou unha crema inglesa. Mais así tamén está moi bo. O certo é que non lle cómpre moito máis.
E se non tedes panettone pola casa, mais si pan duro, tamén vale a receita perfectamente. É quen di pan duro, calquera masa que nos quede máis seca. E si, que co roscón de reis tamén vale. Aí vos deixo a idea. O caso é ter algo para aproveitar e facer a lambetada. Que aínda que vaiamos un chisco xa saturados, sempre hai un anaco para un pudin.