Aproveitando que este ano xa está a piques de rematar, aquí vos ensino este top 5 de receitas do 2024. Todo hai que dicilo, sodes máis de receitas larpeiras. E por iso neste top 5, case todas as receitas son lambetadas. Todas, agás unha. E cal será esa receita que non? Pois o único que vos adianto é que non é exactamente unha receita. E aínda que só vos fale de 5, a número 6 era unha receita salgada: as croquetas de cocido. E xa que fago este artigo especial de noitevella, dicirvos que moitas grazas por seguir acompañándome despois de case 11 anos de blogue.
Que se di rápido, mais manter un blogue de receitas despois de tanto tempo, non é tarefa sinxela. Hai días nos que o ánimo non é o mesmo. E mais tendo en conta a competencia das persoas que adican o 100% do seu tempo a isto. Mais grazas ás vosas mensaxes, os vosos ánimos, preguntas, e, sobre todo, grazas a todo ese tempo que empregades en comentar, gustar ou facer as miñas receitas, aquí seguimos con ánimo para seguir cociñando moitos anos máis.
E este é o top 5 de receitas deste ano!
No número 5: Sapos da Limia
Non podían faltar as lambetadas do Entroido! Porque, kukis, xa sabemos que o Entroido é o paraíso das lambetadas. Que se flores, bicas, orellas, filloas, follas de Limoeiro, chaolas… non hai lambetada do Entroido que non nos encha o bandullo. E os sapos non ían ser menos. E por iso aquí están, no posto número cinco deste top de receitas do 2024.
No número 4: Brownie de banana
Estou comezando a intuír que gostades do chocolate e das sobremesas de banana. Xa veredes porque o digo. Os brownies xa son unha larpeirada desas que adoitan estar nas favoritas de case todo o mundo. Moito sabor a chocolate e unha textura cremosa. Ademais, admite moitas variacións e pódeselle botar froitos secos, froitas, ou máis chocolate, claro.
No número 3: Madeleines de Lotus e chocolate branco
Ai, larpeiriñas e larpeiriños, como non ían estar estas madeleines no top 5. Madeleines con crema de Lotus e chocolate branco. Pouco máis se pode dicir. Unha desas lambetadas irresistíbeis. E ademais, levan manteiga noisette, que lles dá un sabor aínda máis especial.
No número 2: Viaxe gastronómica a Lisboa
Si, ademais de larpeiros, gostamos moito de ir de visita a Portugal. E por iso esta viaxe a Lisboa está no número 2. Está organizada por días, con recomendacións para almorzar, xantar e cear. E tamén con lugares para visitar. Só tedes que chegar a Lisboa e seguir este planning. E xa veredes como a experiencia é aínda máis marabillosa.
No número 1: Pan de banana con pingas de chocolate
O gañador é o pan de banana con pingas de chocolate. E é que o pan de banana en todas as súas formas sempre é un éxito. É non é de estrañar. É sinxelo, rápido, aproveitamos as bananas moi maduras e ademais está boísimo. Ten unha textura suave e dura moito tempo no seu punto perfecto. E esta versión aínda mellora máis porque leva chocolate e iso adoita melloralo todo.
E isto é todo, amigas e amigos, por un 2025 cheo de lambetadas para vós e para min 🙂