Bastóns de Nadal

Facer bolachas é, para min, un deses pequenos grandes praceres da vida. E estou segura de que isto xa o dixen máis dunha vez aquí no blogue. O normal é que despois de case 11 anos, xa comece a repetirme. Mais iso é porque o creo así de verdade. E tamén vos confeso que me gusta máis o proceso de facelas que o comelas. Cando chega o Nadal, a desculpa para facer as bolachas xa a temos. E de seguro que teremos pola casa algún trubinco para botarnos unha man. Estes bastóns de Nadal fanse moi rápido e quedan ben bonitos. Perfectos para agasallar, poñer nun agasallo para decorar ou para, simplemente, pasar unha tarde de frío ao calor do forno e ao arrecendo a bolachas.

bastóns de nadal

Ingredientes

  • 200 gramos de manteiga

  • 115 gramos de azucre

  • 65 gramos de azucre en po

  • 1 ovo

  • 1 limón relado

  • 400 gramos de fariña

  • 1 belisco de sal

  • corante vermello

Preparación

  • Mesturamos todos os ingredientes agás o corante.bastóns de nadal
  • Cando teñamos a bóla de masa xa formada, dividímola en dous.
  • A unha delas, botámoslle o corante. Se precisamos, engadimos 1 ou 2 culleradas máis de fariña.bastóns de nadal
  • Imos collendo anacos de masa e facemos tiras das dúas cores.bastóns de nadal
  • Despois enrolamos unha tira coa outra, e amasamos facendo un chisco de presión. Mais con coidadiño de que non se nos separe.bastóns de nadal
  • Dámoslle forma de bastón.
  • E enfornamos a 200ºC durante uns 10 minutos ou ata que vexamos que collen unha moi lixeira cor dourada.bastóns de nadal
  • Deixamos que arrefríe sobre a grella.

Como vedes, a cousa non ten moita complicación e se non temos corante, sempre podemos botarlle cacao á masa e facelas de dúas cores. Estes bastóns de Nadal quedan crocantes por fóra e suaves e manteigosos por dentro. A textura perfecta para mollar nun chocolatiño quente, non si? Eu de vós, poñeríame coas mans na masa canto antes porque de verdade que paga ben a pena. E se non nos gustara o sabor do limón, sempre podemos botarlle reladura de laranxa, ou ben vainilla, anís ou azar.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.