Por petición popular, é dicir, porque mo dixo a miña familia, aquí vai a receita dos Carquinyolis. Tivestes a sorte de probalos algunha vez? Son unha lambetada da que gostan ata aquelas persoas que non son moi de larpeiradas. Son unhas bolachiñas moi crocantes e con froitos secos típicas de Catalunya, onde eu as probei, e doutros moitos sitios. Tamén se coñecen co nome de cantuccini na Toscana ou Rossegons no País Valencià.
Adoitan facerse con améndoas ou abelás, mais desta vez fixénmolos con pistachos, que é o que tiñamos a man. Aguantan moito tempo crocantes e no seu punto se os gardades nunha lata de bolachas ou nun bote hermético. Non vos podo dicir cantos días con exactitude porque aquí non duraron máis de dous días. Non é unha lambetada moi doce e a súa textura recorda á do pan crocante. O sabor dos froitos secos quédalle de marabilla e se son salgados, non precisades engardille sal á masa.
Ingredientes
120 grramos de azucre
175 gramos de fariña triga
80 gramos de améndoa moída
2 ovos
1 culleradiña de fermento en po
100 gramos de pistachos sen casca
1 belisco de sal (se os pistachos non son salgados, senón non é preciso)
1 ovo para pintar a masa
Preparación
- O proceso é ben sinxelo. Só temos que mesturar todos os ingredientes secos agás os pistachos.
- Despois batemos os dous ovos e botámolos na mestura previa, amasando ata que estea todo integrado. Non vos preocupedes se fica pegañenta, é normal.
- Enfariñamos ben a mesa de traballo, botamos a masa e estiramos como se fose unha barra de pan. Mentres imos enrolando, imos collendo fariña da mesa para que a masa non estea tan pegañenta e sexa máis manexable.
- Cando a teñamos estirada, aplanámola un pouco e botásmolle os pistachos.
- Pechamos mentres enrolamos para que queden os pistachos por dentro.
- Formamos dúas barras duns 5 cm de ancho. Pintamos co ovo batido e enfornamos uns 20 minutos a 170ºC.
- Sacamos do forno, agardamos uns 3 minutos a que arrefríe e cortamos carquinyolis en diagonal cun coitelo de serra. Terán que ter 1 centímetro de ancho máis ou menos.
- Voltamos poñer na bandexa do forno e deixamos que queden douradiños. Uns 15 minutos a 170ºC.
- Deixamos que arrefríen ata que fiquen ben crocantes.
Os carquinyolis adoitan tomarse con viño doce ou moscatel. Sempre se toman fríos, para que estean ben crocantes e fan boa compaña á crema de Sant Josep. Por suposto se non tedes pistachos, podedes empregar abelás ou améndoas. Iso si, se usades améndoas ou abelás, teñen que ser enteiras. Agora que xa están as tendas cheas de froitos secos polo Nadal, é un bo momento para prepararmos esta receita, non credes?