Non sei se vos pasa, mais eu deseguida canso de comer sempre o mesmo e por iso teño que ir variando. Non vou dicir que me pase o mesmo coas lambetadas. Mais si que adoita haber tempadas nas que o corpo está máis larpeiro. Cando se achegan festas nas que hai moitas larpeiradas por todos os lados, semella que me satura a cousa e non me apetecen tanto. E con estas datas de case-Nadal pásame moito isto. Vendo tantos doces de Nadal desde hai case un mes fai que me vaia transformando no Grinch a pasos de xigante. Mais o bo (para vós e tamén un pouco para min) é que ás veces as receitas que fago son baixo peticion. E toda esta leria para explicarvos que estes alfajores se fixeron realidade porque alguén tiña antollo deles.
Eu xa tiña unha receita de alfajores de maizena aquí no blogue, así versión pequeniña. Mais desta vez, o nivel de larpeirismo foi en aumento. O resultado? Uns alfajores de masa de cacao con recheo de doce de leite (obviamente!) e bañados en máis chocolate. Aínda sen estar modo larpeira, malos non estaban. Mais ben boísimos! Así espertan todos os sentidos lambisqueiros, non credes? A receita é moi sinxela, e os ingredientes son dos que sempre temos pola man. Algo de doce de leite sobra, mais non creo que iso teña problema.
Ingredientes
125 gramos de manteiga
75 gramos de azucre
1 ovo
1 cullerada de de esencia de vainilla
100 gramos de fariña para repostaría
150 gramos de amidón de millo (maizena)
1/2 sobre de fermento
1 culleradiña de bicarbonato
uns 40 gramos de cacao
1 bote de doce de leite
1 tableta de chocolate negro
Preparación
- Mesturamos todos os ingredientes agás o chocolate e o doce de leite. Amasamos ata que estean integrados. É un masa que non é moi pegañenta.
- Formamos un bolo de masa, envolvémola en papel transparente e deixámola na neveira durante unha media hora.
- Botamos máis cacao na mesa de traballo para que non se pegue a masa e non nos colla cor branca de fariña e amasamos ata que quede unha masa fina, duns 2 mm de grosor.
- Corta a masa cun cortapastas redondo ou cunha tapa. A miña era unha tapa de 6,5 cm de diámetro e saíron unhas 32 tapiñas para facermos 16 alfajores.
- Colocamos as tapiñas dos alfajores no forno (unhas 12 por bandexa) e enfornamos durante uns 8 minutos. Non as deixedes facer demais porque se torran deseguida.
- Cando saen do forno aínda están brandiñas , deixamos que arrefríen na grella e a quedarán no seu punto.
- Cando estean frías, toca botarlles o doce de leite. Sede xenerosas, que despois sempre semella pouco.
- Cando xa estean todas preparadas, só temos que derreter o chocolate no microondas e botarllo por riba. O mellor é deixalos na grella e poñer un papel de forno por debaixo, así caerá o chocolate para abaixo e poderedes aproveitar o que caia 🙂
- Deixamos que o chocolate quede duro, e xa podemos degustar. Bo proveito!
O único consello que teño para vós é que vaiades con tino porque son altamente gostosos!!! E sendo sinceros, así acabados de facer é cando mellor están. Así modo Grinch, eu recoméndovos que non merquedes moitas lambetadas neste Nadal e as fagades como agasallo para os demais. É un presente que sempre gusta por lambetada, mais tamén porque é algo feito por nós con todo o noso cariño. E iso é un agasallo xenial!