Cobbler de morangos

Xa levaba días con gana de facer algunha lambetada cos amorodos da horta. O que pasa é que a maioría das veces cando os colles, están tan ricos que xa acabas por comelos así acabadiños de coller e non chegan nin á cociña. Mais unha vez que chegaron, había que discurrir. Como nesta época non teño moito tempo de estar horas e horas na cociña, decidín facer unha lambetada que fose rápida e na que o sabor dos morangos fose o máis importante e non quedara tapado polo resto dos ingredientes. O cobbler de morangos era a receita ideal tendo en conta estas circunstancias.

Cobbler de morango
Cobbler de morango

O bo que ten é que é unha receita rápida. E ademais, se non tedes amorodos, sempre podedes facelo co ingrediente tradicional, os pexegos, que están agora de tempada. Ou con calquera outra froita, como a mazá. Esta receita orixinaria das colonias británicas nos Estados Unidos consiste en tapar froita cunha masa suave e cremosa. Adoita tomarse morniña e acompañarse con nata montada ou con xeado. E se non a podedes tomar acaba de facer, sempre se pode quentar un chisquiño antes de tomala. Eu acompañeina de nata montada e de xarope de morangos caseiro (que fixemos tamén coa receita).

Cobbler de morango
Cobbler de morango

Ingredientes

  • Para os morangos
  • 500 gramos de amorodos sen rabecho e lavados

  • 75 gramos de azucre branco

  • 1 cullerada de fariña triga

  • 1 belisco de canela en po

  • 1 belisco de sal

  • Para a masa
  • 120 gramos de fariña triga

  • 125 gramos de nata de montar

  • 2 culleradas de fermento químico

  • 1/2 culleradiña de sal

  • 100 gramos de azucre

  • 60 gramos de manteiga

  • 125 gramos de nata para montar (para acompañar)

  • 2 culleradas de azucre en po para a nata que poñeremos por riba

Preparación

  • Cortamos os amorodos en 4 ou en 2 segundo o tamaño. Cobbler de morango
  • E mesturámolos co resto dos ingredientes: azucre, fariña, canela e sal. Deixamos que repouse durante uns 30 minutos. Cobbler de morango
  • Mentres agardamos, podemos ir mesturando os ingredientes da masa. A cousa non ten moita ciencia, o único é derreter a manteiga e mesturar co resto dos ingredientes: fariña, azucre, fermento, sal e nata. Veredes que queda unha masa pegañenta. Así estará perfecta. Cobbler de morango
  • Pasados os 30 minutos, escorremos os morangos, mais non tiredes o líquido! Este será o xarope que empregaremos para botar por riba. Está boísimo!!!
  • Nós fixemos o cobbler nestas cocottes individuais, mais podedes facelo nun molde cadrado ou redondo. Botamos os amorodos que escorremos.Cobbler de morango
  • E botámoslles a masa por riba ata deixalos tapados. Poden quedar anacos sen tapar, non pasa nada. Cobbler de morango
  • Enfornamos a 175ºC durante uns 35-40 minutos ou ata que vexades que a parte de arriba está douradiña e crocante e os amorodos ferven. Pode saír zume para arriba.Cobbler de morango

Cómpre deixar que o cobbler de morangos repouse 10 minutos fóra do forno. Agora só temos que montar a nata co azucre en po. Botamos por riba do cobbler un pouco de nata montada e mollamos a nata co xarope dos amorodos que gardamos antes. ESPECTACULAR! E se aínda vos queda algo de xeado, probade a botarlle un pouco, derreterase a modiño e estará de auténtico vicio.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.