Xa hai uns meses que esta receita se volveu viral, mais eu aínda non me atrevera a preparala porque tampouco estaba o tempo para facer eses experimentos. Iso si, despois destes días de calor, lembreime dela e decidín probar. Eu boteille un pouco o que atopei pola neveira, sen mirar ningunha receita en concreto. E o resultado foi realmente bo.
Esta salada de patacas asadas quedou cunha textura moi interesante, crocante e cremosa. E cunha mestura de sabores que casaban todos á perfección. Eu as patacas fíxenas como fixen as batatas a murro. E quedaron súper crocantes. O resto dos ingredientes dependerá moito do que vos guste ou teñades a man. Para min, é imprescindíbel que haxa un toque doce, algo crocante e un sabor máis forte.
Ingredientes para 4 persoas
8 patacas
3 ou 4 cogombriños en vinagre (enteiros ou en rebandas)
touciño entrefebrado ou xamón salgado
1 cebola vermella
Ceboliño
Mahonesa
Sal e pementa
Preparación
- Comezamos cocendo as patacas coa pel lavada.
- Mentres, cortamos os cogombriños, a cebola, o bacon, o xamón e o ceboliño.
- Cando as patacas estean cocidas, poñémolas sobre a bandexa do forno cuberta con papel de forno e esparruchámolas. Podemos facelo cun vaso ou cunca. Botamos sal e pementa.
- Enfornamos a 200ºC ata que estean ben douradiñas e moi crocantes.
- Despois só nos queda cortar as patacas en anacos (cómpre deixalas arrefriar un chisco) e mesturalas co resto dos ingredientes e coa mahonesa.
Agora só temos que deixala arrefriar un pouco na neveira. Está máis boa fría, mais se ides con apuro, tamén se pode tomar así. Como vos digo, os ingredientes poden variar. Eu boteille xamón e touciño entrefebrado porque os tiña na neveira, mais podedes botarlle o que máis vos preste. O cogombriño dálle un toque agridoce que lle queda moi ben. E o ceboliño paréceme fundamental. Eu non lle botei especias, mais se hai algunha que vos encha o ollo, avante! A verdade é que repetiría e o mellor de todo é que é moi sinxela de preparar!