Viaxe gastronómica – Lisboa

Ás veces este ritmo frenético de vida que levo non me deixa contarvos as cousas tan rápido como desexaría. O verán pasado fomos a Lisboa e desde aquela teño pendente facervos este artigo. Sempre se dixo que quen non ve Lisboa, non ve cousa boa. E eu namorei de Lisboa a primeira vez que fun, e desde ese día, cada vez que vou, só confirmo ese namoramento. Como xa fixen coa viaxe gastronómica do Porto, tamén vos incluirei o que fixemos nós cada día, tendo en conta que imos coas crianzas. E incluíndo suxestións onde nós almorzamos, xantamos e ceamos.

Lisboa
Lisboa

Como veredes, esta viaxe non inclúe nin zoo nin acuario. Estamos a intentar organizar as nosas vacacións sen acudir a estes sitios. Aínda así, podo asegurarvos que as crianzas pasárono de marabilla e están desexando voltar. Tamén incluímos unha visita intermedia antes de chegar a Lisboa que cremos que gustará moito aos máis pequechos. O noso aloxamento estaba ao carón do Arco da Bandeira, polo que os restaurantes da cea estarán sempre por esa zona e pode que tamén os do almorzo. Estou segura de que queda moito por ver e facer, mais sempre hai que deixar cousiñas para a seguinte visita. Máis abaixo, fálovos dos restaurantes aos que fomos e a nosa experiencia.

Pastel de nata
Pastel de nata

CATRO DÍAS EN LISBOA

DÍA 1 – LOURINHÃ E PRAÇA DO COMÉRCIO

MAÑÁ

Almorzo: na casa ou polo camiño

– Visita ao Lourinhã Dino Park. É un parque que de seguro ha gustar ás crianzas. Danlles froita ‘para beber’ ao entrar (100% froita, saudábel) e unhas preguntas para rañar e ver a resposta. Hai unha parte interior, máis informativa e unha parte exterior para ver os dinos. Moi recomendábel e queda de camiño.

Xantar: Nós preparamos o xantar na casa e comemos alí de pícnic, mais tamén hai restaurante dentro do parque.

TARDE

– Livraria Bertrand (Chiado). [Rúa Garrett] Sempre imos a algunha librería a mercar unha chea de libros. Esta é, ademais, moi fermosa.

– Arco da Rúa Augusta

– Praça do Comércio.

– Cais das Colunas.

– Miradouro do Rio Tejo.

Cea: O Português, Chiado.

DÍA 2 – CASTELO DE SÃO JORGE E PARQUE EDUARDO VII

MAÑÁ

Almorzo: Espressolab Portugal

– Elevador do Castelo

– Polo Pingo Doce – Chão de Loureiro hai outro elevador para axudar a subir mellor.

– Castelo de São Jorge.

– Feira da Ladra. Se é terça-feira hai esta feira da ladra, que vos queda de ao carón do castelo.

Xantar: Taberna Sal Grosso.

TARDE

Merenda: Nannarella. O plan foi mercar un xeado nesta xeadería que hai dentro da Loja do Corte Inglés e comelo paseando polo parque.

– Parque Eduardo VII.

Cea: Ao 26.

DÍA 3 – PARQUE DAS NAÇÕES

MAÑÁ

Almorzo: The Folks: coffee brewers and soul cooks

– Pavilhão do Conhecimento. Un must se ides con crianzas.

Xantar: Terrace Restaurant.

TARDE

– Paseo polo parque das nações

– Telecabine de Lisboa

Cea: Tasca Baldracca.

DÍA 4 – BELEM

MAÑÁ

Almorzo: Pastéis de Belem. Ata o de agora sempre os pediramos para levar, mais a verdade é que hai moito sitio para sentar e a fila móvese rápido. E sabedes un segredo? Saben moito mellor alí e é un gusto ver como os preparan.

– Mosteiro dos Jerónimos.

Xantar: Ouvi Dizer.

TARDE

– Torre de Belem.

– Padrão dos Descobrimentos.

Cea: É um Restaurante.

Como vedes, hai días máis relaxados que outros, mais iso xa cada quen pódeo adaptar como vexa. Eu fun cambiando o planning cada día (este que vos poño é o resultado final). O importante é ver as cousas con tranquilidade, aprender, gozar e experimentar.

Recomendacións de restaurantes

O Português, Chiado – Rua Duques de Bragança, 5G

Restaurante con pratos de cociña tradicional portuguesa. Nós probamos os bombóns veganos, os pastéis de bacalhau, o bacalhau à Brás e as bochechas de porco e lagostinos. Todo moi sabedeiro e cunha presentación excelente. Moi boa atención e, aínda que estaba cheo, o servizo foi rápido.
Prezo 4 persoas: 38.90€

EspressoLab Portugal – Rua da Prata, 242

Unha cafetería moderna, onde tomar un café de especialidade preparado con moito agarimo. (Aínda recordo o contenta que ficou a rapaza co bonito que lle quedara o debuxo do café). Croissant moi rico, e o matcha tamén. Non probamos máis nada, mais había outras opcións doces e salgadas.

Sal Grosso Taberna – Calçada do Forte, 22

Esta taberna foi un dos restaurantes que máis nos gustou nesta visita a Lisboa. A atención foi espectacular e os pratos estaban todos boísimos. Agardamos ata que fose a hora na porta e en canto abriu, foron chamando para que foramos sentando. Pedimos azeitonas (temos dúas crianzas que as adoran), camarão ao alho, bochechas de porco, raia com alhada, puntilhitas e de sobremesa morango, chocolate branco e merengue. Todo moi ben preparado e con boa materia prima.
Prezo 4 persoas: 56,30€

Ao 26 – Rua Horta Seca, 5

É un restaurante vegano ideal para probar cociña portuguesa vegana. Hai bifé de seitán, francesinha vegana, tofu á lagareiro ou táboa de petiscos portugueses. O restaurante é moi bonito, cun xardín á entrada e moi amplo. Nós pedimos o bifé de seitán e a sombra do monte. Tamén unhas pataquiñas con prebe á que non lle puiden facer foto porque non cheguei a tempo.
Prezo 4 persoas: 39,80€

The Folks: coffee brewers and soul cooks – Rua dos Sapateiros, 111

Para quen goste do café de especialidade, este café é ideal. É así un sitio destes modernos, onde tomar torradas, ovos, papas, ou tortiñas. Está todo moi bo, mais non é nada barato. Nós pedimos ovos benedictine e unha torrada con amorodos.
Prezo 4 persoas: 35,30€ (Como vedes, o prezo é similar ao que pagamos por xantar/cear noutros restaurantes)

Terrace Restaurant – Praça Príncipe Perfeito

Este restaurante forma parte do Hotel Martinhal. É un restaurante totalmente adaptado a crianzas e dispón de menús para todas as idades, ata de meses. O prezo é máis elevado do que adoita ser o prezo medio de restaurantes en Lisboa, mais nesta zona do Parque das Nações, é do mellor que hai. E todo está moi bo. Hai moita opción de fusión asiática e pratos internacionais. Nós pedimos tacos, sushi, arroz con limón e cacahuetes, confit de parrulo, lagostino e unha sobremesa de limón e amorodos.
Prezo 4 persoas: 97,75€

Tasca Baldracca – Rua das Farinhas, 1

Este foi, sen dúbida, un dos meus restaurantes favoritos. Neste recordo que reservei por Instagram e todo de marabilla. Pratos escritos nas pizarras nas paredes e perfecto para petiscar. Para todos os gustos cunha atención inmellorable. Nós partillamos todo entre os catro. Non puidemos probar as sobremesas, mas de seguro que tamén son de 10. Olivas recheas e fritidas con prebes, rissois, peixe espada con mollo tártaro e porco grellado. Lembro que había polbo á galega.
Prezo 4 persoas: 39€

Pasteis de Belem – Rua de Belem, 84-92

Se se quere probar o pastel del Belem, hai que facelo aquí. E si, saben diferentes a todos os pasteis de nata que poidades mercar en calquera pastelaría da cidade. Ata o de agora, sempre os collimos para levar, mais eu recomendo facer unha paradiña e comelos alí. Tamén pedimos bolos de arroz. As lambetadas están de vicio, e na carta hai moitas opcións, ademais dos pasteis. Aínda que vexades moita xente, a fila móvese rápido.

Ouvi Dizer – Rua Duarte Pacheco Pereira, 9D

Deste restaurante, non teño fotos, mais pola zona de Belem é do mellor que hai sen meterse en restaurantes que poidan ser máis turísticos. Restaurante familiar con boa atención e cociña tradicional portuguesa preparada con moi bo gusto. O bacalhau à Brás, moi rico.
Prezo 4 persoas: 45,05€

É um Restaurante – Rua São José, 56

Como eu non o vou describir mellor ca eles, déixovos a descrición deste restaurante: “Por um lado, um restaurante de conceito para um público cada vez mais exigente que a nossa cidade tem, com uma carta atraente, um ambiente e estilo próprios, numa das zona mais prestigiosas de Lisboa.
Por outro, uma estratégia de integração social inteligente com uma equipa que dá trabalho e formação a pessoas que vivem ou viveram em situação crónica de sem abrigo. Mas, no fim e no início, é um restaurante.” Un restaurante moi tranquilo, cunha carta sinxela e moi ben preparada. Nós pedimos o couvert (perfecto para crianzas famentas), peixiños da horta con mollo tártaro, tabouleh con verduras e froitos secos e pato asado.
Prezo 4 persoas: 24,12€

Extra: Dear Breakfast – Chiado – Calçada de São Francisco, 35

Non vos puxen este sitio de almorzos no roteiro porque nós fomos xa o último día, mais non podía deixar de ensinárvolo porque foron un auténtico amor coas crianzas e porque o que probamos estaba todo boísimo. Un ambiente moderno, con moita xente nova traballando, moi atenta e cunha carta moi interesante. Nós pedimos os croissants recheos e a verdade é que moi ben todo.
Prezo 4 persoas: 19,40€

E ata aquí as miñas recomendacións de roteiros e de restaurantes. Agardo que vos guste e sobre todo, que vos poidan ser de utilidade. A miña última recomendación de Lisboa é que sempre reservedes. En todos os restaurantes hai moita xente, e sen reserva pode ser complicado coller sitio. Chamade, ou reservade por correo ou por redes sociais, mais cómpre sempre reservar. E destacar tamén a amabilidade por parte de todas as persoas dos restaurantes e lugares turísticos, onde te fan sentir coma na casa. O trato coas crianzas é excepcional.

Á hora de valorar prezos, distancias ou todo o que vemos e facemos nun día, lembrade que imos con dúas crianzas 🙂

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.