Pan de banana con pingas de chocolate

Aínda que o pan de banana non é que sexa unha receita típica do verán, si que é certo que as bananas maduran á velocidade da luz cando vai calor. E non é que vaiamos sobradas de calor, mais quizais no verán devecemos por outras froitas máis fresquiñas, como sandía, melón ou froitas de carabuña, que están no seu momento óptimo nesta época. A min o pan de banana encántame. Paréceme un biscoito que sempre queda no seu punto de textura e de dozura. Aquí xa fixemos varias versións, a tradicional e a de chocolate con pingas de chocolate branco. Mais tiña moita gana de facer o tradicional con pingas de chocolate. E aquí está.

pan de banana con pingas de chocolate
Pan de banana con pingas de chocolate

O procedemento é moi doado. O tempo no forno si que é máis que o doutros biscoitos, mais paga ben a pena. Se non atopades pingas de chocolate, sempre podedes empregar chocolate cortado en anacos. Eu fixen unha mestura de pingas de chocolate negro e outras de 3 chocolates que tiña pola casa. Aquí nesta casa non dura nada. Ao día seguinte aínda estaba enteiro porque había expresa prohibición de non tocalo ata facermos a foto. Mais en canto se fixo a foto, de súpeto só quedaba a metade. Así, coma se fose cuestión de maxia. Avisados/as quedades de que está moi, moi bo. E ademais, é perfecto para aproveitar as bananas moi maduras.

pan de banana con pingas de chocolate
Pan de banana con pingas de chocolate

Ingredientes

  • 4 bananas ben maduras (uns 380 gramos)

  • 100 gramos de azucre moreno

  • 100 gramos de azucre branco

  • 110 gramos de manteiga

  • 2 ovos grandes

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 130 gramos de iogur grego

  • 180 gramos de fariña triga

  • 1 culleradiña de bicarbonato

  • 1 belisco de sal

  • 160 gramos de pingas de chocolate (deixade unhas poucas para botar por riba)

Preparación

  • Facemos puré coas bananas, axudándonos cun garfo. E prendemos o forno a 165ºC. pan de banana con pingas de chocolate
  • Nun cunco, mesturamos fariña, bicarbonato e sal.pan de banana con pingas de chocolate
  • Noutro cunco, botamos os azucres e engadimos a manteiga desfeita. Batemos un pouco ata que estea todo ben integrado.pan de banana con pingas de chocolate
  • Engade a estes ingredientes húmidos, as bananas, os ovos, a vainilla e o iogur.
  • Cando estea todo ben mesturado, botamos a mestura de fariña e batemos ata que estea ben mesturado, sen bater de máis.pan de banana con pingas de chocolate
  • Botamos tamén pingas de chocolate.pan de banana con pingas de chocolate
  • Agora só temos que forrar o noso molde con papel de forno enmanteigado e verter a masa. Podemos botar máis pinguiñas por riba. pan de banana con pingas de chocolate
  • Enfornamos a 165ºC durante unha hora, aproximadamente. pan de banana con pingas de chocolate

E xa teriamos preparado este pan de banana tan sabedeiro. Eu non o fago todos os días porque e difícil resistirse a coller un pouquiño. Mais o pan de banana é dos mellores biscoitos que hai. Así que se non o probastes aínda, eu de vós non agardaría máis porque é unha mágoa non probar cousa rica 😉 Polo demais, xa vedes que non ten dificultade ningunha. Por dentro, quedan anaquiños de chocolate que están de vicio, e xunto cos de arriba, danlle moi bo sabor ao biscoito. A textura é moi húmida, que se desfai na boca e cun sabor a banana achocolatada. Que máis se podería pedir? Pois comelo con boa compañía!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.