Estou en modo aprender todo o posíbel sobre plantas e flores comestíbeis. Adoro as receitas con plantiñas. E ademais, paréceme un xeito de darlle valor ao que a natureza nos ofrece. Hai uns días, unha compañeira de traballo doume un caramelo de sabor limón e flor de sabugueiro. Que cousa rica! E xa quedei coa gana de probar esa delicia. Agora só había que discurrir como facer o xarope de flor de sabugueiro e atopar o sabugueiro, claro. Os sabugueiros teñen unha flor moi fermosa e con moito arrecendo. Ole moi ben e considérase unha arboriña, porque non medra moito. Fago esta aclaración porque hai quen as confunde con outras plantas, si tóxicas, como a cicuta. A cicuta ten unhas follas que poden lembrarnos ás do pirixel. Pola contra, a do sabugueiro (ademais de ser máis grande), ten unhas follas como se fosen de limoeiro, mais en pequeno.
O xarope é moi sinxelo de preparar. E ademais consérvase durante bastante tempo na neveira, e aínda máis no conxelador. Unha vez que estea feito, pódese empregar para diferentes preparacións. A maioría delas, bebidas. É un xarope moi concentrado, polo que para usalo en preparacións, cómpre mesturalo con auga. Eu fíxeno coa idea de facer unhas madalenas. Así que cando as faga, xa vos poñerei a receita por aquí.
Ingredientes
1 limón (da casa mellor)
15 flores de sabugueiro
600 ml de auga
750 gramos de azucre
2 culleradas de vinagre branco (de viño ou mazá)
Preparación
- Cortamos o limón a rodelas e poñedelas na base da cunca ou recipiente onde vaiades a facer o xarope.
- Con moito coidado, lavamos as flores do sabugueiro. Aínda que pareza que están limpas, ollo que hai bechos pequeniños. Ide con tino para que non caian as floriñas.
- Despois cortamos os talos máis gordechos, deixando só as flores e os talos pequeniños.
- E poñémolas sobre as rodelas de limón.
- A continuación, mesturamos a auga e o azucre nun cazo ou pota e poñémolos a quentar ata que o azucre se disolva, deixando que ferva.
- En canto ferva, sacamos o cazo do lume e botamos a mestura enriba das flores e o limón.
- Botamos as dúas culleradas de vinagre.
- E tapamos cun prato para que infusione durante unhas 24-36 horas.
- Despois dese tempo, coámolo cun pano finiño (este é de facer queixos) e xa podemos botalo en botes que estean previamente esterilizados. Aguanta en perfecto estado durante 6 semanas na neveira, ou durante un ano no conxelador.
Mentres non teña a receita das madalenas, podedes probar a mesturar auga con gas con este xarope, e facer un refresco caseiro boísimo. E se se engade prosecco, teredes un cocktail que se chama Hugo. Como vedes, difícil de preparar non é. E como se conserva durante moito tempo, aproveitade para preparalo xa e así podedes desfrutar deste xarope de flor de sabugueiro durante todo o ano. Unha idea é conxelar o xarope nas cubiteiras de facer o xeo e engadilo ás vosas bebidas.
Q buena idea !!!! Gracias.
Está receta también serviria para las flores de toxo ? Para el flan uso un caramelo q está hecho con concentrado de flor de toxo… y podría intentarlo.
Tambien tengo ganas de hacer mermelada con flores de sauco , a ver si me animo…
Un millón de gracias
Ola Beatriz,
Pois a verdade é que non se me ocorrera. É cuestión de facer a proba, non vexo porque non había saír ben. Se o intentas, xa me contas a ver que tal! De seguro que a marmelada queda de vicio.
Grazas a ti e agardo que che guste!
Graciaasss …. si hago alguna por supuesto q te lo cuento.