As flores de sabugueiro así acabadiñas de coller olen de marabilla. E a verdade é que compensa ir collelas xusto antes de cociñalas, porque ao día seguinte xa non están igual. Ao carón da casa hai un río e hai moitos sabugueiros así que a cabeza non para de discurrir receitas. Desta vez, fixemos flores de sabugueiro en tempura. Quedan moi crocantes, fanse moi rápido e son ben xeitosas, non si?
Teño que recoñecer que o xarope sabe de marabilla. E penso que é a mellor maneira de degustar o sabor da flor tal e como ole. E claro, en tempura, ao fritirse, perden algo de sabor. Mais aínda así, están ben boas. E despois da receita, xa vos conto como darlle un toque de sabor extra 🙂 O rabecho deixeillo para poder collelas por el para comelas. Se vos fixades na foto, as floriñas quedan torradiñas e quedan moi feitiñas, non si?
Ingredientes
20 flores de sabugueiro
1 ovo
250 ml de auga con gas
125 gramos de amidón de millo (maizena)
125 gramos de fariña de arroz
1 culleradiña de bicarbonato
2 culleradiñas de azucre
azucre en po para polvillar
aceite de xirasol para fritir
xarope de sabugueiro (opcional, receita aquí)
Preparación
- O primeiro é ir apañar as flores de sabugueiro. Estas non as lavei, só as sacudín con agarimo e xa ían caendo os mini-bechos que teñen e algo de pole. Eu rompinas en anacos máis pequenos, mais iso xa como vexades.
- Despois mesturamos todos os ingredientes agás o azucre en po e o aceite. Aínda que queden gromos, non pasa nada.
- Imos mollando as floriñas na mestura.
- E fritímolas no aceite a temperatura media ata que queden douradiñas e crocantes.
- Despois esparexemos azucre en po por riba e xa estarían no seu punto.
Kukidica: Eu boteilles tamén un chisco de xarope por riba. Ou ben podedes mollar as floriñas nel. Saborazo!!! A masa fica moi crocante e prepárase nun chis. Eu estou namorada destas floriñas e do sabor tan agradable que teñen.