Berenxena rebozada

Ás veces hai receitas moi sinxelas que son un gusto. Máis que nada porque pensar que facer de xantar ou de cear pode chegar a ser realmente complicado. Esta receita de berenxena rebozada non ten misterio ningún, mais dentro diso, está moi boa, é socorrida e faise rápido. A berenxena hai que cociñala previamente. E como hai varios xeitos de facelo, cada quen pode escoller o que mellor lle vaia. Nós fixémola ao microondas, mais pódese facer na tixola ou na barbacoa. Se a facedes con lume, o sabor mellora moitísimo.

Berenxena rebozada

Non teñades medo a que quede a pel chascada por fóra. Así, por dentro estará moi ciumenta e no seu punto. No microondas, é difícil dicirvos o tempo exacto. Nós deixámolas 20 minutos. O importante é que cando a toquemos, estea brandiña. E iso depende do punto no que estea a berenxena. E tamén da potencia dos microondas, que cada un é un mundo. O resultado é unha berenxena moi crocante e con todo o seu sabor.

Ingredientes para 4 persoas

  • 4 berenxenas

  • fariña

  • 2 ovos

  • pan relado

  • parmesán relado

  • prebe de tomate

  • sal

Preparación

  • Picamos as berenxenas cun garfo por varios sitios e metémolas no microondas ata que estean brandas ao tacto.
  • Agora toca a parte máis difícil, que é quitarlle a pel. (Non lles saquedes o rabecho!) Se podedes, deixádea arrefriar un pouco. Se non podedes, coma no meu caso, ollo de non vos queimar.
  • Agora temos que esparruchala un pouco co garfo ata deixala estiradiña. Salgamos ben.
  • Agora só temos que pasala por fariña, ovo e pan relado.
  • E fritila en aceite ben quente ata que quede ben crocante.
  • Quentamos un pouco de prebe de tomate, ou facémolo caseiro.
  • Poñemos un pouco de prebe no prato, como de base, e poñemos a berenxena enriba. Eu púxenlle un chisco de ceboliño por riba, mais non é obrigatorio nin necesario 🙂 Berenxena rebozada

Agora só temos que ir collendo anaquiños de berenxena co prebe de tomate e desfrutar de cada trabada. A min gustoume moito a combinación e teño pensado repetir. Estou segura de que vos ha gustar tanto como a min. Ademais, sempre vén ben ter unha idea máis para facer de comer. Se non vos vai a base de prebe de tomate, á berenxena rebozada tamén lle vai ben un hummus de garavanzos ou de fabas. Eu usei un prebe de tomate que xa leva ourego e alfábega, especial de pizzas.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.