Sapos da Limia

Lambetadas de Entroido hai moitísimas. Algunhas, por suposto, más coñecidas que outras. Eu teño que recoñecer que desta receita de Sapos da Limia non sabía case nada. O único do que tiña coñecemento era de que son como unhas chulas, e que a súa forma máis redondiña viña por un dos seus ingredientes principais, a cervexa. A cervexa fai que se poñan os sapos ben gordiños, sen necesidade de engadir outros fermentos. Tamén vos confeso que xa fixen máis dunha proba e esta é a que mellor quedou. Polo tanto, non é nin unha receita tradicional nin a orixinal. É a miña versión destas chulas con este nome tan curioso.

sapos da limia
Sapos da Limia

Dificultade non teñen ningunha, non sendo mesturar, repousar e fritir. O único co que hai que ter máis coidado é á hora de comelos porque deseguida voan. Por aquí xa están desexando degustalos de novo. Con esta receita saen uns 12 Sapos da Limia xeitosos. Se queredes que vos saian máis, só tedes que multiplicar os ingredientes. E non vos preocupedes polo sabor a cervexa, que lles queda de vicio!

Ingredientes

  • 85 ml de cervexa

  • 125 ml de leite

  • 1 ovo

  • 3 culleradas de azucre

  • 1 belisco de sal

  • 230 gramos de fariña triga

  • 20 gramos de manteiga derretida

  • Aceite de xirasol para fritir

  • Azucre para rebozar sapos

Preparación

  • Imos mesturando os ingredientes por orde de aparición na listaxe. Sapos da Limia
  • Deixamos que repouse a masa media hora fóra da neveira.
  • Quentamos o aceite de xirasol nun caciño e imos botando culleradas de masa. Aquí a dica é botar toda a masa de golpe. Eu fíxeno coa culler dos xeados.
  • Rebozamos os sapos en azucre e xa estarían!Sapos da Limia

Non fixen fotos do paso a paso porque os fixen cos pequeaxudantes e non me daba moito tempo. Mais xa vedes que non ten ciencia ningunha. E se algunha vez fixestes chulas, o paso a paso é moi similar. Por dentro fican moi tenros e brandiños e por fóra torradiños. Convén ir sacando os pequenos anacos de masa do cazo para que non se queimen. Estes anaquiños quedan moi crocantes e tamén están ben bos. Outra lambetada máis de Entroido para a nosa colección! Se sabes de algunha máis, non dubides en contárnola.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.