Jiaozi de ano novo lunar

O 10 de febreiro de 2024 comezan os festexos do novo ano lunar. E como en case todas as celebracións, a comida tamén é protagonista. E aínda que se festexa en moitos países, na China é onde esta festa é máis recoñecida a nivel mundial. Este ano, por se non o sabiades, é o ano do dragón. E isto que siginifica? Pois que nos agarda un ano de éxito, sabedoría e boa sorte.

jiaozi gambas

Todo no ano novo lunar está cargado de simboloxía. E isto tamén se pode apreciar na comida que se prepara durante os días que dura a festividade. Os jiaozi, tamén chamados empanadiñas ou dumplings chineses, sempre están presentes por tres boas razóns. A primeira, porque están boísimos. A segunda, porque a súa pronuncia ten certo parecido co termo empregado antigamente para referirse ao cambio de algo vello por algo novo. E a terceira, porque a súa forma recorda aos lingotes de ouro. Polo tanto, un prato cheo de jiaozi semella un prato cheo de lingotes, o que simboliza a riqueza que nos agarda no novo ano.

Jiaozi de gambas

Neste blogue xa fixeramos as gyozas xaponesas, que non deixan de ser o mesmo co nome en xaponés. Fixerámolas de carne e por iso os jiaozi os fixemos de gambas. Os ingredientes como o bambú, o mollo de ostras, o viño de arroz, o amidón de mandioca e as masas mercámolos todos na tenda de produtos asiáticos Asian Market, na rúa de Santiago del Estero, 5, en Compostela.

Jiaozi de gambas

Ingredientes para uns 24 jiaozis

  • 200 gramos de gambas peladas, desconxeladas

  • 35 gramos de bambú en conserva

  • 1 cullerada de amidón de tapioca

  • 1 culleradiña de salsa de ostras

  • 1 culleradiña de mollo de soia

  • 1 culleradiña de aceite de sésamo

  • 2 culleradiñas de viño de arroz

  • 1 belisco de azucre

  • 1 chisco de pementa negra

  • 24 masiñas para jiaozi (receita aquí)

  • Para a base crocante
  • 70 ml de auga

  • 1 culleradiña de fariña triga

  • 1 culleradiña e 1/2 de amidón de millo

  • 1 pouquiño de sal

Preparación

  • Comezamos fervendo durante dous minutiños os rebentos de bambú en conserva para sacarlles o sabor máis amargo. Deixámolos arrefriar un pouco, secámolos e picámolos.Jiaozi de gambas
  • Picamos as gambas.Jiaozi de gambas
  • E mesturamos as gambas picas e o bambú xunto co resto dos ingredientes, agás as masas.Jiaozi de gambas
  • Tapamos pegándoo ben á mestura e deixamos repousar na neveira durante, mínimo, uns 20 minutos. Podemos deixalo ata dous días.Jiaozi de gambas
  • Collemos unha masiña, poñemos unha culleradiña de recheo e pechamos como máis nos guste. Tedes unha explicación mellor, na receita das gyozas, aquí. Jiaozi de gambasJiaozi de gambas
  • Agora podemos facelas ao vapor, fritilas e despois cociñalas con auga ao vapor, ou ben deste outro xeito que vos vou mostrar.
  • O que imos facer é unha base crocante que una todos os jiaozis 🙂 É un xeito moi orixinal de presentalos, engade un extra de crocante, que sempre queda ben, e está moi bo. Para iso, poñemos uns 10 ou 11 jiaozis na tixola, como formando un círculo, cun pouco de aceite.Jiaozi de gambas
  • Deixamos que se fritan e cando a base fique douradiña, mesturamos os ingredientes que tedes arriba da base crocante e botámolos. (Se vedes que a tixola é moi grande, dobrade a cantidade de ingredientes da base).Jiaozi de gambas
  • Tapamos a tixola durante uns 5 ou 6 minutos a lume medio. Destapamos e deixamos que a base vaia ficando crocante e se vaia despegando lixeiramente das paredes da tixola.
  • Collemos un prato e dámoslle a volta como se fose unha tortilla. E xa estarían no seu punto.Jiaozi de gambas

O resto podémolas facer fritidas, cun pouco de aceite, e despois botamos un canequiño de auga, tapamos e deixamos que se fagan ao vapor durante uns 5 ou 6 minutos a lume medio. Voltamos abrir a tapa e deixámolas un minutiño. Tamén se poden facer nunha vaporeira ao vapor. Saberemos que están no seu punto cando vexamos que a masa cambia lixeiramente de cor, ten máis brillo e o jiaozi está máis gordiño.

Jiaozi de gambas
Jiaozi de gambas

Agora só queda desfrutar. A verdade non precisan un mollo porque xa levan moito sabor por dentro. E se queredes unha versión con carne de porco, probade a facer as gyozas. E non vos preocupedes se vos custa dobralas, hai milleiros de xeitos de facelo e de seguro que atoparedes un que se vos dará de marabilla.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.