Croquetas de cocido

Pensando en receitas do Entroido, deime conta de que sempre penso na parte máis larpeira destas festas, que non é pequena! Orellas, filloas, chaolas, periquitos, bicas, flores, follas de limoeiro… Certo é que eu non adoito facer cocido na casa. E quizais foi por iso que nunca pensei en facer croquetas de cocido. Mais esta fin de semana, a miña nai fixo cocido, polo que tocou levar algunha carne e un pouco caldo para poder facermos unhas croquetiñas.

croquetas de cocido
Croquetas de cocido

Non sei se algunha vez as fixestes ou as probastes, mais eu, que nunca antes as fixera, xa as considero unha das mellores receitas de croquetas do mundo mundial. Xa só co caldo, veredes que a masa colle un sabor espectacular.  E a carne o que fai e resaltar aínda máis ese sabor, dando diferentes matices dependendo da carne que empreguemos. Polo demais, unha bechamel, moito remexer e tempo para formar e rebozar. Con todo isto, sairán unhas croquetas que son puro vicio.

Ingredientes para unhas 60 croquetas de 35-40 gramos

  • 300 gramos de manteiga

  • 300 gramos de fariña triga

  • 700 ml de caldo do cocido

  • 800 ml de leite

  • Carne do cocido: costelas, touciño e codelo

  • Fariña, ovo e pan relado para rebozar

Preparación

  • Cortamos toda a carne ben picadiña co coitelo.Croquetas de cocido
  • Preparamos a bechamel derretendo a manteiga.Croquetas de cocido
  • Cando estea derretida, engadimos a fariña e remexemos ben para que se cociñe a fariña a lume baixo.Croquetas de cocido
  • Botamos o caldo e mais o leite e mesturamos ata que estea todo ben integrado.Croquetas de cocido
  • Engadimos a carne picada e agora toca darlle voltas ata que se despegue con facilidade da tixola/pota.Croquetas de cocido
  • Botamos a masa sobre un molde (o máis longo posíbel para que arrefríe mellor) e tapamos cun filme transparente para que non quede dura masa por riba.Croquetas de cocido
  • Cando a masa estea ben fría, formamos croquetas. Podemos darlle forma de boliña.Croquetas de cocido
  • Pasamos as croquetas por fariñaCroquetas de cocido
  • OvoCroquetas de cocido
  • E pan reladoCroquetas de cocido
  • E fritimos a lume medio-alto ata que estean ben crocantes por fóra e cremosas por dentro.Croquetas de cocido

As croquetas de cocido podemos conxelalas antes de fritilas e telas xa preparadas para calquera ocasión. E se non vos presta moito rebozalas todas á vez, podedes tamén conxelalas despois de formalas, antes de rebozalas. Iso como vós vexades. Eu prefiro conxelalas rebozadas e despois só ter que fritir. Podedes, por suposto, facer menos cantidade, todo depende do caldo que teñades ou da carne que lle botedes. O máis importante é que as preparedes con cariño e as desfrutedes moito. E se queredes aproveitar as verduras e as patacas, sempre podedes preparar un trinxat.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.