Que bo está o raxo con patacas! Sobre todo cando está ben preparado. E quizais esta sexa a parte máis complicada deste prato: evitar que nos quede seco. Para iso, cómpre ter moito coidado á hora de fritir e seguir uns conselliños que vos deixo ao final da receita. Seguramente aínda teño moito que mellorar, e de seguro que moitas e moitos de vós tedes a vosa propia maneira de facer que quede ben sabedeiro. Acéptanse suxestións!

Para min o mellor de todo é o ben que casa o raxo coas patacas fritidas. Así que facede ben delas porque de seguro que non han sobrar. E tamén é esencial deixalo en adobo un día na neveira para que a carne colla ben o sabor do allo e a pementa.
Ingredientes para 4 persoas
Sobre 1 kg de lombo de porco
Dentes de allo
Pementa nnegra ao gusto
1 bo chorriño de aceite de oliva
6 patacas xeitosas para facer fritidas
Preparación
- O día antes, sacamos a graxiña do lombo de porco.
- Cortamos fileres un chico gordiños, e despois en tiras e xa en cadrados.
- Cortamos o allo e botámolo nun bol xunto coa carne, a pementa e o aceite. Mesturamos un pouco coas mans e deixamos que repouse ata o día seguinte.
- Ao día seguinte, sacámolo da neveira unha media hora antes de fritilo.
- Mentres, fritiremos as patacas.
- Despois quentamos un pouco de aceite nunha tixola e cando estea quente a unha temperatura media-alta, botamos o raxo.
- Deixamos que se frita por un lado a lume forte, dámoslle a volta e deixamos que se cociñe uns minutiños, movendo a tixola para que se faga ben por todos os lados. É importante non fritilo de máis para que non quede seco.
- Debemos ter coidado de fritir moita cantidade á vez, pois iso baixa a temperatura do aceite e pode facer que tardemos máis e se nos seque. Eu fíxeno en dúas veces. Polo que ide botando ata que vexades que xa case enche a base da tixola. Se non vos cabe todo, para a seguinte.
- Hai quen lle bota viño branco. Eu non llo botei polas crianzas, mais se llo queredes botar, un chorriño despois de darlle a volta na tixola, quédalle moi ben.
- Cando rematedes de fritir o raxo, botade todo sobre as patacas. O aceite de fritir o raxo dálle moi bo sabor ás patacas.
É unha receita moi sinxela que está de vicio! Xa estou desexando repetir. Se vos gustan os pementos, son o acompañamento perfecto. Ou ben uns pementos de padrón, cando sexa a tempada, ou ben unhas tiras de pemento vermello. Polo demais, tomalo ben quentiño e fritir unha boa cantidade de patacas.