É curioso como dúas receitas de gofres poden ser tan distintas e tan sabedeiras. Neste blogue xa fixemos os gofres de Liexa, que son os que adoitamos probar cando pedimos gofres nalgún sitio de lambetadas. Son máis doces, co característico azucre perlado que lle dá esa dozura. A masa é máis espesa e hai que deixar que repouse, polo que se precisa un pouco máis de tempo para os preparar. Os gofres de Bruxelas non levan azucre. A masa é moito máis líquida e non hai que deixalos repousar. Os ingredientes son moi sinxelos de atopar e fanse moito máis rápido.
A receita saqueina do mesmo libro de receitas belgas e o certo é que descoñecía que houbese dous tipos de gofres. O de Liexa adoita ser o máis coñecido. A min os gofres de Bruxelas desta receita préstanme máis para o almorzo. O tempo de preparado é máis rápido e doado, e sempre podemos darlle o toque larpeiro co acompañamento.
Ingredientes para 10 gofres
150 gramos de fariña triga
4 xemas de ovo
6 claras de ovo
1/2 litro de leite
100 gramos de manteiga derretida
1 belisco de sal
Preparación
- Nunha cunca, mesturamos a fariña, as xemas e o leite.
- Montamos as claras a punto de neve.
- E despois botámolas na masa xunto co sal e a manteiga.
- Poñemos uns 100 gramos de masa de cada vez, dependendo un chisco da gofreira que teñamos e deixamos que se faga durante uns 2 ou 3 minutos por gofre.
Como vedes, son uns gofres moi sinxelos de facer. E estes días que as crianzas están de vacacións, de seguro que se animan a preparalos en familia. E se lles botamos un pouco de chocolate negro desfeito, moitísimo mellor! Aínda que calquera acompañamento lles queda ben: chocolate, crema de Lotus, froitas, froitos secos ou froitos vermellos… Todo é facelos e probar e repetir!