Ben sei que levo xa unhas poucas receitas de cabaciña neste blogue. Mais a horta manda e eu gosto de cociñar con todo o que me da. E con este biscoito de cabaciña e limón quixen probar a facer unhas rodelas de limón acarameladas. Xa as vira pola rede algunha vez e quedan tan bonitas, que tiña que facer o experimento!
E o tan socorrido glasado de limón, que sempre é algo que dá gusto relamber. O biscoito queda húmido, deses que deixa fungalliñas cando se corta. E como non leva cacao, si que se nota a cabaciña, mais queda de marabilla, coma sempre. Dá un extra de humidade e queda moi ben co limón, como xa vimos nestas bolachas.
Ingredientes
- Para o biscoito
300 gramos de cabaciña relada
350 gramos de fariña integral
4 ovos
1 belisco de sal
100 ml de aceite de xirasol
225 gramos de azucre
1 limón relado + o zume
2 culleradiñas de fermento químico
- Para o glasado
250 gramos de azucre en po
1 cullerada de leite
3 ou 4 culleradas de zume de limón
- Para o limón acaramelado
1 limón en rodelas finas
100 gramos de azucre
100 ml de auga
Un chisco de zume de limón
Preparación
- Para o biscoito, só temos que mesturar todos os ingredientes.
- E enfornar a 175ºC durante uns 40 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
- Deixamos que arrefríe.
- Mentres arrefría, imos preparando as rodelas de limón acarameladas. Cortamos o limón en rodelas finas. Eu corteinas coa mandolina, mais co coitelo córtnse tamén con facilidade.
- Poñemos nun cazo o azucre, a auga e mais o zume de limón xunto coas rodelas e deixamos que ferva ata que colla unha lixeira cor dourada. (Todo dependerá de como vos gusten, máis ou menos douradiñas).
- Poñémolas sobre papel de forno e deixamos que arrefríen.
- Para preparar o glasado, só temos que mesturar os ingredientes e xa estaría.
- Botamos o glasado por riba do biscoito xa frío e colocamos as rodelas de limón acarameladas do xeito que máis nos guste.
Este biscoito de cabaciña e limón é perfecto para aproveitar as cabaciñas. Co sempre sabedeiro toque a limón. E con esa dozura sublime do glasado e do caramelo de limón. Cómpre empregar limóns ben doces e maduros para o caramelo e xa veredes que está boísimo. É un biscoito que, ademais de ter boa pinta, ten mellores feitos. E se non vos presta facerlle o glasado ou o limón acaramelado, non pasa nada! É un biscoito que sabe ben por si só, e non precisa de máis nada. Iso si, así queda moito máis fermoso!