Houbo unha época, alá polo 2020 cando saquei o primeiro libro, na que a todo o mundo me preguntaba cal era a miña receita favorita do libro. Eu, que quen me coñece sabe que teño moi mala cabeza, sempre dicía o mesmo: os friands. E non é que fose a unica que me gustara. Hai mitísimas máis que me sorprenderon, que repito aínda e que voltaría facer milleiros de veces. Mais sempre que me preguntaban era a primeira que me viña á cabeza. O certo é que para ser unha receita tan sinxela, estou segura de que vos ha namorar o resultado.
Os friands veñen sendo a versión neozelandesa dos financiers franceses. Hai a vender uns moldes especiais para friands, mais se non vos apetece facer esta inversión, podedes facelos no molde das madalenas e xa está. Non teño foto do paso a paso porque é unha receita do libro e só lle fixen foto ao resultado final, mais veredes que é moi sinxela de facer. E se tedes calquera dúbida, xa sabedes que me podedes preguntar sempre.
Ingredientes para 12 friands
100 gramos de fariña triga
250 gramos de azucre en po
110 gramos de améndoa moída
6 claras de ovo
160 gramos de manteiga desfeita
reladura dun limón
framboesas frescas ou conxeladas
Preparación
- Poñemos o forno a quentar a 180ºC e engraxamos o molde con manteiga.
- Peneiramos a fariña e o azucre en po e mesturámolos coa améndoa.
- Bateomos as claras ata que vexamos que están máis brancas e escumosas, mais sen chegar a ser a punto de neve.
- Engadímolas á mestura de améndoa, xunto coa manteiga e a reladura de limón. Batemos todo.
- Enchemos os moldes coa masa ata cubrir dous terzos e colocamos un par de framboesas.
- Enfornamos durante uns 20 minutos a 180ºC ou ata que un escarvadentes cravado no medio saia limpo.
Para presentalo, podemos botarlle un chisco de azucre en po por riba. E xa os teriamos preparados para degustar. Resultan uns pequenos pasteliños moi lixeiros en sabor e textura. Cun sabor taaan rico que vaivos ser complicado comer só un! Aínda que os tradicionais adoitan ir con framboesas ou arandos, se non os tedes pola man, sempre podedes empregar outras froitas. Ou facelos sen froitas, como adoitan ser os financiers.