Cando chega a tempada de cereixas, penso que ningún de nós se pode resistir a probalas. E ademais, as cereixas son un vicio, comezas a comelas e semella que non das parado. Están tan boas! Aquí no blogue temos unhas poucas receitas con elas. E aínda que as cereixas están ben boas así. O seu sabor fai que calquera lambetada mellore aínda máis. Así que para que non teñades que andar a buscar receitas, aquí as tedes todas xuntiñas, e para todos os gustos.
É unha receita típica da República Checa e o seu nome, bublanina, vén das burbullas que se forman na froita ao enfornar. A textura da bublanina é moi suave e desfaise na boca. Semella que non queda moi doce, mais iso é porque o sabor da froita destaca moito. Se probades só o biscoito, veredes que ten o punto xusto de dozura e de sabor. A preparación é moi rápida, e ao ser un biscoito finiño, tarda moi pouco en enfornar.
Biscoito de cereixas e albaricoques
Os biscoitos son unha lambetada que a min nunca deixa de sorprenderme pois cun simple cambio dalgún dos seus ingredientes, o resultado xa é moi diferente. Desta vez, nada de azucre, mais si mel, que non vou dicir que sexa máis saudábel nin nada diso, porque non o é, mais si que aporta outro tipo de dozura e axuda a que o biscoito fique máis esponxoso.
Pode semellar que o clafoutis é un simple biscoito, mais o seu sabor non ten nada que ver. A masa é moito máis líquida, o que dá como resultado unha textura e un sabor que poderiamos dicir que é unha mestura entre o flan e as tortiñas. A cantidade de azucre e fariña é menor que na maioría dos biscoitos, mais o seu sabor é doce e moi suave.
Chegou a calor e chegou con ganas! E cando ven, devecemos por pratos e sobremesas fresquiñas. Estes vasiños son do máis sinxeliño que hai. Con só uns poucos ingredientes frescos e naturais, teremos unha sobremesa ou un almorzo de 10. Estes vasos, ademais, son moi saudábeis e, para facelos, non precisaremos nadiña de azucre. A única lambonada son esas dúas cereixas recheas que vedes na imaxe.
A textura da torta recórdame un chisco á da torta de Santiago, pola améndoa. Podedes botarlle máis cereixas, reladura de limón ou outra froita que sexa máis do voso agrado. Aínda que con cereixas é a mellor opción.
As madalenas sempre son unha boa lambetada. E se, ademais, lles engadimos unhas cereixas, xa é a lambetada suprema! Para comezar ben o día, non hai nada mellor ca estas madalenas de cereixas.
E ata aquí as receitas! Probade, compartide e desfrutade! 🙂