Hai uns cantos anos xa, cando fun por primeira (e única) vez a NY, xa eran ben coñecidas as bolachas da Levain Bakery. E é que son unhas bolachas grandes, cheas de sabor e coa textura perfecta. Crocantes por fóra e brandiñas por dentro. Recordo que me pareceron ben contundentes e case me chegan de almorzo e de xantar. Mais tamén vos digo que estaban boísimas e non me estraña a boa fama que teñen. E como están tan boas, hai que intentar facelas na casa para non ter que ir ata NY cada vez que temos antollo destas marabillas. Hai moitas versións, mais hoxe imos facer estas bolachas de chocolate e noces pecanas.

Eu boteille noces pecanas porque non tiña das outras na casa. Mais podedes botarlle das noces de toda a vida. O importante é que tanto o chocolate como as noces as cortedes en anacos xeitosos. E mellor se empregades chocolate en anacos, e non pingas de chocolate, que adoitan ser moi pequenas e non se notan tanto no resultado final. De feito, podedes empregar chocolate negro, con leite, ou os dous. Esta receita é do blogue de Jessica Holmes, podedes ver máis receitas na súa páxina.

Ingredientes para 12 bolachas
115 gramos de manteiga fría, da neveira
190 gramos de azucre moreno
1 culleradiña de esencia de vainilla
1 ovo grande
245 gramos de fariña triga
1 cullerada de amidón de millo
1/2 culleradiña de bicarbonato
225 gramos de chocolate negro ou con leite en anacos
50 gramos de noces pecanas (ou das de sempre) en anacos xeitosos
Preparación
- Nun bol, mesturamos a manteiga ben fría e o azucre moreno ata que fique cremoso.
- Engadimos a vainilla e o ovo e batemos de novo ata que estea mesturado, procurando non bater de máis.
- Mestura a fariña, o amidón, o bicarbonato e o sal e vaino engadindo pouco a pouco a mestura anterior.
- Corta o chocolate e mais as noces en anacos xeitosos e engádeas tamén.
- Pesa uns 75 gramos por cada bolacha, coloca 6 na bandexa e enforna a 180ºC durante uns 12-14 minutos ou ata que estean lixeiramente douradas.
Creo que o mellor desta receita de bolachas é que o seu paso a paso é dos mais sinxelos que vos podedes atopar. E como non hai que deixar repousar a masa, o tempo que se precisa para facelas, é moi pouco. Básicamente podería resumirse en mesturar e enfornar. E así de boas saen. A min gústame poñelas uns segundiños no microondas antes de comelas para que se derreta o chocolate e queden aínda máis cremosas por dentro.

De verdade que cada trabada destas bolachas, é un pracer para todos os sentidos. Moito ollo que voan!