Rolos de canela – Cinnamon rolls

Penso xa que o meu cos rolos de canela ou cinnamon rolls xa era obsesión. E mira que eu ata hai ben pouco sempre dicía que non gostaba da canela. Non o vou poder dicir nunca máis. Sobre todo despois de probar estes rolos. E digo que era obsesión porque levaba moito tempo coa teima de facelos. Mais eles non estaban moito pola labor de seren comidos por min, polo que se ve. E as probas non saían como eu quería. Ata que, ao fin, saiu a receita perfecta. Non lle vou eu sacar méritos porque están boísimos e o que quero é que vós tamén os probedes e namoredes coma min.

rolos de canela

A receita ten pouca ciencia. Basicamente diríavos que é mesturar, amasar, levedar e enfornar. E pouco máis ten. O que si que tamén vos digo é que teño á miña axudante a amasadora que me facilita moito o traballo. E si que é unha masa un pouco pegañenta. Mais xa vos aviso, é mellor deixala que se pegue un pouco nos dedos e non engadir máis fariña, que engadirlle máis e que fiquen secos. Despois de levedar, será unha masa moito máis sinxela de manexar. Enfariñando ben a masa e o rolo, non teredes problema.

rolos de canela

En canto ao molde, eu empreguei dous porque nun non me cabía. Saen uns 10 rolos. Dependendo tamén do tamaño que os queirades. Eu gosto deles ben gordiños (uns 4 cm) e saíronme 10. Sete nun molde e tres no outro. Enforneinos todos á vez e sen problema. Valen tanto moldes redondos coma cadrados ou rectangulares. Cando poñades os rolos, deixade que queden un pouco separados, porque ao levedar, medran. Mais nas imaxes xa veredes como van quedando. E outra cousiña importante é manter todos os ingredientes que empreguedes fóra da neveira.

rolos de canela

IngredienTes para uns 10 rolos

  • Para a masa dos rolos
  • 150 ml de leite morno

  • 150 ml de nata morna

  • 115 gramos de azucre branco

  • 2 ovos

  • 75 gramos de manteiga derretida

  • 2 culleradiñas e ½ de fermento seco de panadeira

  • 480 gramos de fariña

  • Para o recheo de canela
  • 215 gramos de azucre moreno

  • 3 culleradas de canela en po

  • 1 culleradiña de sal

  • 125 gramos de manteiga brandiña

  • Para o glasado de queixo
  • 115 gramos de crema de queixo a temperatura ambiente

  • 115 gramos de manteiga a temperatura ambiente

  • 130 gramos de azucre en po

  • 1/2 culleradiña de esencia de vainilla

  • Un chisco de leite (opcional)

  • Extra: fío dental sen sabor para cortar os rolos

PREPARACIÓN

  • Botamos o fermento seco no leite morno e deixámolo repousar mentres imos pesando o resto dos ingredientes.
  • Despois mesturamos todos os ingredientes dos roliños (tamén o fermento co leite) e amasamos. É posíbel que a masa fique un chisco pegañenta, mais resistide a tentación de engadir máis fariña. Despois de levedar non pegará nadiña.rolos de canelarolos de canela
  • Tapamos e deixamos que levede durante dúas horas.rolos de canela
  • Enfariñamos a superficie de traballo e cun rolo de amasar algo enfariñado estiramos a masa ata que quede un rectángulo.rolos de canela
  • Mesturamos o azucre moreno, a canela e o sal.rolos de canela
  • Botamos manteiga moi brandiña (podemos poñela uns segundiños no microondas se vemos que está moi dura) sobre a masa e coas mans ímola repartindo ben por todo.rolos de canelarolos de canela
  • Botamos a mestura de canela por todo e masaxeamos un chisco para que se integre ben na masa.rolos de canela
  • Enrolamos a masa ata que fique con forma de rolo.rolos de canela
  • Agora collemos o fío dental, pasámolo por debaixo do rolo, cruzámolo, tiramos ben forte polos dous extremos e imos cortando rodelas xeitosiñas. Duns 4 cm cada unha aproximadamente.
  • Poñemos as rodelas sobre un molde redondo ou cadrado. O que teñades a man. A min saíronme 10 e puxen 7 no molde redondo e 3 noutro pequeno alongado.rolos de canela
  • Deixamos levedar dúas horas.rolos de canela
  • E enfornamos a 200ºC durante uns 18 minutos, para que o centro quede espectacular!rolos de canela
  • Agardamos a que arrefríe 10 minutos. Mentres, preparamos o glasado. Mesturamos tódolos ingredientes. Mellor sempre que estean todos a temperatura ambiente. Se aínda así vedes que fai gromos, metédea un pouco no microondas e mesturade. O do leite é opcional porque depende de como vos guste a textura. A min gústame así tipo frosting, mais se a queredes un chisco máis líquida, botádelle leite e ide probando.rolos de canela
  • Botámolo por riba dos rolos de canela e xa se poden degustar.rolos de canelarolos de canela

A miña recomendación é que sempre que os vaiades tomar, os quentedes uns segundos no microondas. De verdade que saben moito mellor. Iso se non os papades todos así xa quentiños. Aguantan perfectamente varios días coa textura intacta. E non cómpre gardalos na neveira. Recordade que é importante non engadir máis fariña nin enfornalos de máis. Pode semellar unha receita complexa polos ingredientes e o paso a paso, mais de verdade que é ben sinxela. E agás o primeiro amasado, que pode ser máis difícil por resultar a masa pegañenta, o resto son do máis doado. E de verdade que paga a pena cada segundo que empereguedes en facelos porque o resultado non pode ser mellor. Están de vicio! Só de pensalo, xa teño gana de facelos (e comelos) de novo. Isto conquista ata os padais máis larpeiros e esixentes. Palabriña.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.