Neste artigo imos cociñar unhas lambetadas perfectas para facer coas crianzas durante as vacacións de Nadal. Son todo petiscos doces moi sinxelos de facer onde ata as crianzas máis pequenas poden cociñar en familia. Os ingredientes son moi sinxeliños. E basicamente é todo chocolate con diferentes combinacións para que fiquen unhas lambetadas ben fofiñas e típicas de Nadal.
Faremos unhas árbores de Nadal, uns renos e unha mestura de chocolates con granulados para facer un chocolate moi sabedeiro. Non son uns petiscos doces moi elaborados, mais si son receitas onde as crianzas poden facer a maior parte do proceso, que é o importante. Tamén podedes botarlle un ollo ás bombas de cacao que fixen hai uns días, ou ás bolachas Linzer. Tamén temos uns homiños de xenxibre ou turrón de chocolate caseiro. Tamén son larpeiradas moi doadas e de seguro que ás crianzas lles ha prestar tanto facelas como comelas.
ÁRBORES DE NADAL
IngredienTes
Mikados ou pauciños de pan con ou sen chocolate
Chocolate negro
Chocolate branco
Granulados de cores, estreliñas, bólas, corazóns…
Preparación
- Derretemos os chocolates e botámolos nunha bolsiña de conxelar á que lle cortamos a punta.
- Colocamos os pauciños e imos botando o chocolate pouco a pouco, de máis estreito a máis amplo, para que vaia quedando con forma de árbore.
- Botamos o granulado que máis nos guste e deixamos arrefriar ata que fique duriño.
RENOS DE NADAL
Ingredientes
Pauciños de pan
Chocolate negro
Lacasitos ou similar de cor vermella
Olliños de azucre
Preparación
- Partimos os pauciños de pan en dous anacos, máis ou menos iguais.
- Derretemos o chocolate negro e mollamos as dúas metades ata que cubramos 1/3 aproximadamente do pauciño.
- Deixámolos sobre un papel de forno.
- E colocamos os ollos e mais un lacasito vermello e deixamos arrefriar.
CHOCOLATE DE NADAL
Ingredientes
Chocolate branco
Chocolate negro
Lacasitos ou similar de cor verde e vermella
Granulado variado: estrelas, folerpas, bólas.
Nubes
PREPARACIÓN
- Derretemos o chocolate negro e o chocolate branco.
- Cubrimos a bandexa do forno con papel vexetal e botamos os dous chocolates.
- Coa axuda dun pauciño de comer sushi, de espeto ou un escarvadentes, imos mesturando os dous chocolates para que vaia quedando ben bonito.
- E agora só queda coller estrelas, bólas, folerpas… ou todo o que queirades e vos guste, e botarllo por riba.
- Deixamos que arrefríe e cando estea duriño, rompémolo.
Os ingredientes podedes adaptalos ao que teñades pola casa e aos gustos das crianzas. Estas tres ideas son moi divertidas, doadas e o resultado é moi sabedeiro! O esencial para que estas receitas saian ben é rir moito, ensuxarse aínda máis e pasalo moi, moi, moi ben!!! Aguantan en perfecto estado uns días na neveira. E tamén poden ser un agasallo perfecto para outras crianzas, para deixar debaixo da árbore de parte do Apalpador ou para merendar en familia durante as vacacións.