Xa o ano pasado vira centos de receitas destas bombas de cacao. Chocolate por fóra e cacao e nubes por dentro. E todo para botarlles leite ben quente por riba e que todo iso se desfaga devagar e gozar dunha cunca de chocolate. Como daquela non me dera tempo a preparalas, este ano estaban no número 1 da listaxe de receitas de Nadal.
É unha receita que, obviamente, entra polos ollos. Non hai máis que velas. Mais eu, que non as probara nunca, pódovos dicir que en canto as probedes, aínda vos habedes namorar máis. Que boas están! Que dozura. Xa vos digo que non hai día frío de inverno que estas bombas de cacao non poidan quentar. Son un pracer para o bandullo e para a alma.
E ademais, son unha lambetada perfecta para un agasallo. Sobre todo, para un autoagasallo, que tamén é moi importante. Poñerlles unha embalaxe linda e darllas a alguén especial polo Nadal é sinónimo de atinar de seguro. E xa non vos falo do que lles gustan ás crianzas. E non só beber ese leite tan larpeiro, senón o feito de poder facelas en familia.
Ingredientes para 3 bombas
180 gramos de chocolate branco para sobremesas
Chocolate negro para decorar
Colacao, nesquik ou cacao
Nubiñas pequenas*
Granulado de nadal* (no meu caso, folerpiñas brancas e azuis)
Molde de esferas de silicona
*o granulado de Nadal e as nubiñas merqueinas no Tiger.
PREPARACIÓN
- O paso máis importante para que as bombas saian ben e non rompan é atemperar o chocolate. Mais non é preciso que merquedes un termómetro de cociña. Farémolo doutro xeito máis sinxelo.
- Da nosa barra de chocolate de 180 gramos, separamos 3/4 (135 gramos) e poñémolos a derreter no microondas. Sempre en modo desconxelar e sacando o chocolate de cando en vez para remexer e poñéndoo de novo ata que estea totalmente desfeito.
- Cando estea preparado, engadimos os 45 gramos (o outro 1/4) que tiñamos reservados e imos mesturando ben todo ata que estea integrado e ben derretido. Así, baixamos a temperatura.
- Deixamos repousar o chocolate 10 minutos e xa o teriamos perfecto.
- Botamos unha cullerada e media (máis ou menos) en cada metade e cunha culler pequena imos extendendo o chocolate. Eu repetín este proceso unhas 3 veces, para que fora quedando máis gordecho polas paredes e non romperan despois ao sacalas.
- Mandámolas para a neveira e preparamos o que lle imos poñer dentro.
- Cando estea o chocolate duro, sacámolas do molde con moito coidado, poñémolas sobre un papel de madalena e botámoslle o colacao, nesquik ou cacao nas 3 metades. As de chocolate branco saen moi doces, entón se non sodes moi larpeiras, eu de vós botaríalles cacao sen azucre. Agora ben, eu boteilles colacao e estaban de vicio 🙂 Botamos tamén as nubes.
- E mais o granulado.
- Para pechalas, quentamos un prato no microondas e poñemos unha metade sobre el. Cando vexades que comeza a verse a beira derretida, colledes a metade e ‘pegádela’ sobre a outra, pechando así a bomba. (Moito ollo con tocalas coas mans, é mellor deixalas no prato, observar e quitar, porque o chocolate logo se derrete. Á miña primeira saiulle un furado por collela moito coas mans).
- Derretemos un pouco chocolate negro, botámolo nunha bolsiña, facemos un furadiño e decoramos. E podemos tamén decorar con máis granulado.
- Agora só queda poñelas nunha cunca, botar leite ben quente por riba, ver como se desfai todo e degustar.
O granulado irá para o fondo. Non vos fiedes da foto, que este púxenllo despois cando xa estaba espesiño e por iso aguantaron arriba. Polo que se queredes que se vexa, o mellor é botalo despois. A min gustoume moitísimo o sabor. Xa non é que sexan bonitiñas, que tamén, senón que a bebida resulta moi sabedeira. E así quentiño, entra no corpo de marabilla. Eu probarei tamén co chocolate negro e, por suposto, que calquera chocolate lle ha quedar ben. E se as queredes de cores, só hai que tinguir o chocolate branco. Tamén vin que hai quen lle bota crema de lotus no recheado. Non probei aínda, mais como idea gústame ben, por se queredes probar 😉