Este ano non hai moitos kiwis. Son xeitosos, iso si, mais cando outros anos había 15 caixas. Este ano a cousa só dou para unha. Aínda así, ben merecían os kiwis unha homenaxe en forma de lambetada. E como xa hai tempo que andaba a pensar en facer torta de queixo. Xa estaba todo dito. Torta de queixo e kiwi.
Ademais, é unha receita moi rápida e sinxela. E que se pode preparar días antes. Por se vos presta facela para as festas de Nadal. E tamén é fresquiña, lixeira e cunha textura tipo mousse espectacular. Cos kiwis faremos unha marmelada e mais tamén os empregaremos para decorar. Se tedes moitos, tamén podedes botar algúns pola masa. Para a base, eu empreguei as bolachas María de sempre, mais podedes cambiar se hai algunha bolacha que vos guste máis.
Ingredientes
200 gramos de bolachas María
100 gramos de manteiga
400 gramos de crema de queixo
400 ml de nata
2 sobres de xelatina de limón
300 ml de auga fervendo + 300 ml de auga fría para a xelatina
- Para a marmelada
500 gramos de kiwis (uns catro kiwis)
250 gramos de azucre
zume de 1/2 limón
3 kiwi en rodelas para decorar
PREPARACIÓN
- Preparamos a marmelada de kiwi: pelamos e facemos un puré cos kiwis. Engadimos o azucre e poñémolo todo a ferver ata que teña unha consistencia máis espesa. Uns 30 minutos.
- Preparamos a base da torta de queixo: nunha picadora, botamos as bolachas e picamos.
- Despois engadimos a manteiga e batemos de novo, para que se integre todo ben.
- Botamos a base de bolachas na base do noso molde. Eu púxenlle un papel de forno cubrindo a base e botei manteiga polas paredes do molde. Apretamos ben coa axuda dunha culler ou dun vaso. Deixamos na neveira mentres preparamos o resto da torta.
- Montamos a nata e reservamos.
- Batemos a crema de queixo ata que fique cremosiña.
- Poñemos 300 ml de auga a ferver, apagamos o lume e engadimos os dous sobres de xelatina de limón. Mesturamos ata que estea ben integrado e botamos a auga fría.
- Mesturamos a nata, a crema de queixo e a xelatina.
- E botámola sobre o molde onde tiñamos a base de bolachas. Deixamos arrefriar e callar.
- Cando a torta xa estea callada, botamos a marmelada por riba.
- E decoramos coas rodelas de kiwi.
Para decorar a torta de queixo e kiwi, podemos poñer kiwis por toda a parte superior da torta. Ou ben só polo arredor (como fixen eu) ou ben por un lado. Tamén se pode poñer en anacos ou á metade. Iso xa é cuestión de gustos. Eu usei un molde de 20 cm porque non tiña a man outro máis grande. E por iso quedou así tan altiña. Se queredes que quede máis fina, tipo torta de queixo de Lestedo, só tedes que facela nun molde máis grande. A marmelada de kiwi queda, como vedes, un chisco amarela. Esta é a cor que lles queda despois de cocelos. Se queredes que teñan unha cor máis verde, podedes engadirlle un chisco de té verde matcha.