O outono é a estación perfecta para cociñar. Unha chea de produtos de calidade, de proximidade e que se deixan querer en calquera receita. Tanto doces como salgadas. Neste blogue xa levamos unhas poucas. Este outono xa fixemos algunhas con cabaza, mazá e figos. Mais aínda queda moito por facer, non credes? E os cogomelos… non podían faltar! E ademais, xa tocaba un prato que non fose lambetada. E este risotto de cogomelos e estrugas está boísimo.

Eu empreguei cogomelos que merquei na tenda, porque este ano aínda non fun apañar cogomelos. E aínda non sei se poderei ir. Mais se vós podedes, de seguro que o sabor do risotto mellorará moitísimo. As estrugas si que as fun apañar. E xa aproveitei para coller ben delas, escaldalas e conxelalas para telas preparadas para outro día facer outro risotto, algunha quiche ou ata outra lambetada. Como é algo que leva tempo facer e preparar, é mellor coller moitas e deixalas preparadas para outra receita.

O toque de limón é esencial. Se sodes moi seareiras do limón, podedes botarlle tamén o zume. Dálle un sabor moi fresco, que potencia todos os outros sabores e que destaca coa suavidade dos cogomelos. Eu non son moito de limón nos pratos salgados, mais neste risotto encantoume! Así que se vos pasa coma a min, probade e xa veredes que marabilla.
Ingredientes para 4 persoas
400 gramos de arroz Carnaroli
250 gramos de cogomelos variados
1 cebola ou chalota en anaquiños
50 gramos de estrugas
1 limón relado
30 gramos de manteiga
1.2 L de caldo de verduras ou de polo
Pecorino romano ao gusto
PREPARACIÓN
- Nun cazo, desfacemos a manteiga e botamos a cebola cortada en anacos pequenos. Cando estea transparente, engadimos os cogomelos tamén cortados ao gusto. Deixamos que se fagan a lume medio.
- Mentres, cocemos as estrugas durante 10 minutos. Escorremos, cortamos en anacos e reservamos.
- Poñemos o caldo a quentar.
- Botamos o arroz cos cogomelos e mesturamos todo, facendo que se cociñe ata que o arroz fique transparente (3/4 minutos).
- Imos engadindo caldo ben quentiño, co cullerón, pouco a pouco. Sen parar de remexer.
- Cando o arroz xa case estea cociñado, engadimos as estrugas e mesturamos.
- Cando o arroz xa está preparado, apagamos o lume e botamos o pecorino e o limón relados. Se lle botades o zume, podedes botarllo tamén agora. Mesturamos e servimos.
Para degustalo, sempre ben quentiño e cun chisco máis de pecorino e limon relado por riba. E se vos sobra, aínda que non creo, sempre podedes facer uns arancini. Aproveitade para facelo cos cogomelos que máis vos gusten, especialmente agora que están de tempada.