O outono é a miña estación favorita do ano. E sei que non son a única. As súas cores, olores e sabores son moi especiais, case diría máxicas. Supoño que xa andamos algo cansas do verán e a calor. E precisamos un chisco de fresco e de aniñarnos coa manta a comer castañas asadas. Os produtos do outono son tamén moi sabedeiros: castañas, cabazas, mazás, figos, patacas doces, caquis… E moitos máis. E tendo na horta unhas fermosas cabazas, non me quedaba outra que facer unha torta de cabaza con elas.
Ás veces esquezo que teño libros de cociña. E mira que teño moitos. Mais case sempre pasa que acabo por mirar as receitas por internet. Ou preguntando á xente que coñezo se sabe algunha receita. Mais, mirando libros (desta vez si) atopei esta receita de torta de cabaza nun libro que me trouxo o meu irmán de Canadá. Está escrito en francés e son receitas do Quebec. E a receita, como vedes, non pode ser máis de outono.
O toque de nata engadinllo eu, mais o certo é que lle acae moi ben.
Ingredientes
1.5 quilos de cabaza
50 gramos de manteiga
1 cullerada de esencia de vainilla
1 pitada de sal
120 gramos de azucre moreno
150 gramos de fariña triga
3 ovos
300 ml de leite enteiro
200 ml de nata
3/4 culleradas de azucre en po
preparación
- Pelamos e cortamos a cabaza en anacos. No meu caso, como eran pequenas, foron dúas cabazas enteiras. E poñémolas a cociñar coa manteiga e a vainilla.
- Cando estean brandiñas, batémolas co batedor ata que teñamos un puré cremoso.
- Botamos 100 gramos de azucre moreno e deixamos 20 para botar por riba antes de enfornar.
- Xirgamos a fariña e engadímola. Batemos.
- Engadimos o leite e mesturamos de novo.
- Batemos os ovos e tamén os engadimos á mestura anterior.
- Botamos a mestura nun molde rectangular de 35×26 e botamos por riba o azucre moreno que tiñamos gardado.
- E enfornamos a 240ºC durante 30 minutos. Recorda que se o molde é máis pequeno, iso pode facer que aumente o tempo de enfornado.
A textura desta torta está entre mousse e crema de ovo. Moi suave e cremoseira. O sabor é moi intenso a cabaza, mais tampouco cansa. Non é unha lambetada moi doce, mais non lle cómpre máis azucre, pois así resalta máis o sabor da cabaza. A min gustoume moito. O mellor é degustala aínda quente/morna cando a saquedes do forno. Estará no seu punto e así quentiña vai moi ben para estes días de frío.