Viaxe gastronómica – Porto

Xa facía unha chea de tempo que non facía un artigo de viaxes gastronómicas. O último foi no 2018, sobre Londres. E daquela facía un por ano. É un artigo que me gusta moito escribir, ainda que me leve tempo. Organizar viaxes é algo que sempre me gustou. Facer unha listaxe de que ver cada día, onde comer, que probar, que mercar, que facer… Devezo por facer roteiros do que faremos cada día e, por suposto, sempre gastronómicos. Agora teño que ter en conta que viaxo coas crianzas. E tamén é certo que as miñas ansias de ver todo a correr xa fican no pasado. Agora gústame ver as cousas con máis calma.

A cidade invicta – Porto – xa había un tempo que me acompañaba nos meus pensamentos. Recordaba ter ido de pequena. Mais daquela viaxe só quedaba unha pequena lembranza. Camiñaba pola ponte de Dom Luis I. E poñía os pés un diante do outro, intentando contar cantos dos meus miúdos pasos tiña aquela enorme ponte. Organizamos a viaxe para a Pascua de 2020, mais chegou a pandemia e fixo que todos eses plans quedaran á espera. Pasaron dous anos. E despois de eses 2 anos, xa eramos un máis. Tocaba organizar de novo (vaia sorte a miña!) E como penso que vos pode ser de utilidade, vouvos poñer os roteiros que fixemos cada día e onde poder almorzar, xantar, merendar ou cear.

Importante! A ter en conta que o noso aloxamento era perto da Praça de Poveiros. E que viaxamos con dúas crianzas 🙂 Adoitamos almorzar e cear na casa, mais poñereivos unha opción de cada (pequeno almoço, almoço e jantar) ao día. Máis abaixo, fálovos dos restaurantes aos que fomos e a nosa experiencia.

CATRO DÍAS NO PORTO

DÍA 1 – SANTA CATARINA E TRAM

MAÑÁ
Almorzo: Obio
– Rúa de Santa Catarina
– Café Majestic (nós non entramos, mais déixovolo aquí por se apetece)
– Capela das Almas
– Mercado do Bolhão
Xantar: Casa Guedes (sandes e cociña tradicional portuguesa)

TARDE
– Tram histórico linha 1 (De Infante a Passeio Alegre)
– Camiñar ata o Farolim de Felgueiras.
– Voltar no Tram.
Cea: Abadia do Porto 

DÍA 2 – CLÉRIGOS E CAIS DA RIBEIRA

MAÑÁ
Almorzo: Leitaria da Quinta do Paço
– Torre dos Clérigos
– Igreja dos Carmelitas
– Livraria Lello*
Xantar: O Caraças / Mito / Bira dos Namorados

TARDE
– Estação de São Bento
– Rúa das Flores
– Cais da Ribeira (ver o solpor desde aquí ou desde a ponte) 
Cea: Taberna dos Mercadores 

DÍA 3 – SÉ, GAIA E ALIADOS

MAÑÁ
Almorzo: Do Norte Café (almorzo e brunch)
– Sé do Porto
– Ponte Dom Luis I (camiñando) Teleférico da Gaia (ida)
– Half Rabbit
– Teleférico da Gaia (volta)
– Ponte Dom Luis I (metro) 
Xantar: DeCastro Gaia

TARDE
– Avenida dos Aliados
– Praça da Liberdade
– Jardims do Palacio de Cristal (nós non fomos, mais é recomendábel) 
Cea: Brasão Aliados /Elebé Baixa / Elebé Entreparedes / Nola kitchen

DÍA 4 – DOURO E PALACIO DA BOLSA

MAÑÁ
Almorzo: Manteigaria (pasteis de nata)
– Barrio do Barredo
– Cruceiro polas 6 pontes (50 minutos)
Xantar: Taberna de Santo António (cociña tradicional portuguesa)

TARDE
– Miradouro da Vitória 
– Palacio da bolsa (visita 45 minutos)
Merenda: xeado en Gelatopia
– Igreja de São Francisco
Cea: A Gazela (cachorrinhos)  

*Na livraria Lello as persoas con bebés teñen preferencia. Tanto para entrar como para pagar na caixa.

Como vedes, hai días máis relaxados que outros, mais iso xa cada un o pode adaptar como vexa. Eu fun cambiando o planning cada día (este que vos poño é o resultado final). O importante é ver as cousas con tranquilidade, aprender, gozar e experimentar.

Recomendacións de restaurantes

Casa Guedes – Praça dos Poveiros, 130.

Restaurante de cociña tradicional portuguesa. Coñecida polos seus sandes. Picanha tamén moi sabedeira. Sande de pernil e prego moi recomendábeis. Hai varios locais. O tradicional e outros locais cunha estética máis moderna. Teñen cadeira alta para crianzas.

Bira dos Namorados – Rúa de Ceuta, 61.

Un local moi recomendábel para ir coas crianzas. Teñen cadeira alta e tamén faldrário (para cambiar cueiros). Os manteis de papel mentres se agarda teñen para pintar e para xogar ao stop. Os entrantes e as sobremesas son ideais para probar cociña portuguesa. Teñen opcións veganas e pódese reservar en liña. Hai menú, hamburguesas, bowls, pregos…

DeCastro Gaia – Avenida de Diogo Leite, 162.

Para comer á outra beira do Douro, hai moitas adegas de vinho do Porto que teñen restaurante. Esta restaurante é da adega de Porto Cruz. Comemos un pouco de todo e estaba todo moi bo. O servizo foi un chisco lento.

Elebé Baixa – Rúa de Santo Ildefonso, 118.

Hai 3 locais. Nós comemos un arroz cun puntiño picante espectacular. E os entrantes tamén estaban moi, moi ben. Non pedimos sobremesas, mais de seguro que estaban ben sabedeiras tamén.

Manteigaria – Rúa de Alexandre Braga, 24.

Un excelente lugar onde probar unhas natas moi saborosas. Teñen obradoiro e fanas alí. Pódese ver como as fan. Tamén están moi bos os sandes, as tostas e os croissants mistos. E o café tamén!

Taberna Santo António – Rúa das Virtudes, 32.

Cociña tradicional moi ben preparada. Deses lugares onde non hai milleiros de pratos para escoller, mais o que teñen, fano moi ben. E non precisan máis. Calidade prezo, inmellorable. Pedimos bolinhos de bacalhau e rissois de marisco. Panado especial, panado con arroz de feijão e pataniscas de polvo. Todo de 10.

Gelatopia – Rúa de Ferreira Borges, 68.

Xeado de pastel de nata? Si! E moi bo. Xeados de moitos sabores, con ingredientes naturais. Sen exceso de azucre. Podedes ver como os fan e hai unha zona para tomalo con calma, se non os queredes tomar pola rúa.

Gazela Entreparedes – Rúa de Entreparedes, 8.

Nunca probaches os cachorrinhos? Pois xa vas tarde! Nada que ver cos seus homónimos ianquis. Estes cachorrinhos están de vicio. Para non parar! Así está, seeempre cheo de xente.

Cachorrinhos do Gazela

E ata aquí as miñas recomendacións de roteiros e de restaurantes. Agardo que vos guste e sobre todo, que vos poidan ser de utilidade.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.