Acender o forno estes días é case, case un acto heroico. Vai tanto calor, que só de pensar na mínima posibilidade de que a temperatura da casa aumente, xa dá arrepíos. Mais a horta é a miña debilidade e agora semella que o calor nos está a dar un descansiño. Apañar os froitos do que con tanto agarimo e traballo se puxo e non facer algunha receita con eles, cústame o seu. E si, aínda que teña calor, sigo a ter gana de comer lambetadas. Non o podo negar.
Os primeiros froitos que apañamos este verán foron os amorodos. Dá gusto velos medrar e así, con este sol, teñen un sabor moi doce. E como o limoeiro está cargadiño, xa temos a parella perfecta. E se caio na tentación, como caín, de engadirlle o meu chocolate favorito, estas bolachiñas non poden máis que ser moi, moi, moi sabedeiras.
A súa textura non é crocante, senón manteigosa. Moi suaves no padal e cun intenso sabor a limón. O amorodo dálle un toque fresco, e o chocolate branco, mais dozura, pois non son unhas bolachiñas con moito azucre. Aquí nesta casa voaron, e estou segura de a vós havos pasar o mesmiño.
Ingredientes para unhas 20 Bolachiñas de 30 gramos
80 gramos de amorodos frescos
80 gramos de chocolate branco
225 gramos de fariña triga
1 culleradiña de fermento químico
1 belisco de sal
125 gramos de manteiga branda
80 gramos de azucre branco
1 ovo
1 limón relado
Preparación
- Lavamos e cortamos en anacos pequenos os amorodos. Deixámolos sobre papel absorbente para sacar o exceso de auga/zume.
- Cortamos o chocolate branco en anacos xeitosos.
- Mesturamos nunha cunca a manteiga e o azucre.
- E noutro cunco, a fariña, o fermento e o sal.
- Engadimos o ovo á manteiga co azucre e batemos.
- Mesturamos ámbalas dúas mesturas e engadimos o limón relado.
- Botamos os amorodos e o chocolate branco. Mesturamos ben.
- Deixamos arrefriar uns 20 minutiños a masa na neveira e poñemos o forno a quentar a 180º. Despois, formamos bólas coas mans duns 30 gramos cada unha. Se vemos que resultan difíciles de formar, poderiamos engadir un chisco máis de fariña.
- Poñémolas sobre un papel de forno lixeiramente separadas e aplanámolas. Enfornamos a 180º durante uns 17 minutos ou ata que vexades que teñen unha lixeira cor dourada.
- Deixámolas arrefriar sobre a grella.
Como levan o chocolate branco, sempre podemos despois quentalas uns segundiños no microondas para que este se derreta e saiban aínda mellor, se iso é posíbel. Non probei con outras froitas, mais se non tedes amorodos, sempre podedes facer a proba. Son unhas bolachiñas moi suaves e ide con moito ollo, pois custa comer só unha. A cantidade de azucre por bolacha é mínima e o sabor do limón e dos amorodos non queda tapado por un exceso de doce. Son perfectas para o almorzo, a merenda ou a sobremesa.