Encántame esta receita de bublanina por moitas razóns. É unha lambetada moi sinxela de facer, basicamente mesturar e enfornar. Leva froita, que iso sempre me gusta. Faise na bandexa do forno, así que non hai que andar mercando moldes. E dá para moitos anacos, o que me gusta moito porque fai que sexa unha larpeirada ideal para levar cando imos ou veñen convidados.

É unha receita típica da República Checa e o seu nome, bublanina, vén das burbullas que se forman na froita ao enfornar. Eu fíxena con cereixas porque están agora de tempada. Mais recoñezo que ter que andar a sacarlles a carabuña, non é unha tarefa moi agradábel. Tamén se pode facer con outras froitas como amorodos, pexegos, arandos ou framboesas.

A textura da bublanina é moi suave e desfaise na boca. Semella que non queda moi doce, mais iso é porque o sabor da froita destaca moito. Se probades só o biscoito, veredes que ten o punto xusto de dozura e de sabor. A preparación é moi rápida, e ao ser un biscoito finiño, tarda moi pouco en enfornar. Así que, como vedes, todo son vantaxes. E os ingredientes para facela, dos que sempre temos pola casa. Apuntádesvos a probar esta bublanina?

Ingredientes
300 gramos de cereixas sen carabuña ou outra froita que vos guste
3 ovos
250 gramos de azucre branco
75 ml de aceite ou manteiga desfeita
300 ml de leite
350 gramos de fariña triga
1 sobre de fermento en po
Azucre en po para esparexer por riba
preparación
- Quitamos as carabuñas ás cereixas.
- Batemos os ovos co azucre. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
- Engadimos o aceite e batemos de novo. Eu empreguei aceite de xirasol, mais podedes botarlle de oliva suave ou manteiga desfeita.
- Tamén botamos o leite e seguimos a bater.
- Mesturamos a fariña e mais o fermento e botámolos na masa.
- Forramos a bandexa do forno con papel de enfornar e botamos a masa.
- Engadimos as cereixas, repartíndoas ben por toda a masa.
- Enfornamos a 180ºC durante uns 25 minutos ou ata que vexades que ten unha lixeira cor dourada por riba e un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
- Sacamos a bandexa do forno, deixamos arrefriar un chisco e botamos o azucre en po por riba.
- Cun coitelo, cortamos a bublanina en anacos.
E agora só nos queda ir collendo e probando. Se empregades papel de enfornar, non vos preocupedes que a masa non se pega nada. Pode que teñades que estender ben a masa pola bandexa antes de engadir as cereixas. Para sacarlles a carabuña, eu fíxeno cun pau de espeto, mais un bo xeito é cunha botella, como fixemos na receita do clafoutis. É un biscoito lixeiro e moi sabedeiro. Perfecto para unha merenda ou un almorzo.
Fantástico, moi doado de facer, mellor para comer!!
Canto me alegro, Eva! Moitas grazas polo teu comentario! 🙂