Máis ou menos desde o verán andaba a darlle voltas á idea de facer bagels. Mais por unha cousa ou por outra, nunca remataba por facelos. Cando me puxen a investigar sobre como se facían, vin que era un proceso bastante longo. Amasar, fermentar, cocer e enfornar. Moito choio. Xa sabedes que eu devezo polas receitas rápidas e sinxelas. O mellor resultado co menor dos esforzos.

E isto precisamente é o que pasa con esta receita rápida. Resulta que con só DOUS ingredientes podemos facer uns bagels caseiros impresionantes. E ademais estes dous ingredientes son do máis sinxelo de atopar e pode que ata xa os teñades na casa cando vexades a receita. A fariña pode ser o único que non, mais tamén vos poño outro xeito de facelos.

A fariña a empregar é a chamada fariña para biscoitos, que xa leva fermento químico. Mais se non a tedes, só hai que engadir fermento e sal, e xa está. Eu de feito fíxenos así, polo que sei ben que saen estupendos. Así que non vos preocupedes se non tedes a fariña co fermento.

Polo demais, só queda mesturar, dar forma e enfornar. Así de sinxelo. E que bos están! A min encantoume o sabor, a textura e o ben que saen con tan poucos ingredientes. Estou segurísima de que se os probades, habedes repetir!

Ingredientes
250 gramos de iogur grego natural sen azucre
250 gramos de fariña para biscoitos (ou fariña triga con 1/2 culleradiña de sal e 1 e 1/2 de fermento químico)
Ovo ou manteiga para pintalos por riba e liño dourado e sésamo negro (opcional)
preparación
- Mesturamos a fariña de biscoitos (ou a fariña xunto co fermento e o sal) co iogur grego. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
- Formamos unha boliña. Se vedes que vos custa amasar, podedes engadir un chisco máis de fariña, ou enfariñar as mans cando manipuledes a masa.
- Dividimos a masa en 4 anacos de 120 gramos cada un. A masa pesa uns 480 gramos.
- Dámoslles forma de roscos. Temos que facerlle o furadiño algo grande, pois medran no forno e non queremos que se pechen de todo.
- Pintámolos con ovo, manteiga ou auga.
- E botámoslles as sementes.
- Enfornamos a 180ºC con calor por arriba e por abaixo durante uns 20-25 minutos ou ata que fiquen lixeiramente dourados.
Por riba podedes botarlle outras sementes, como as de papoula. Ou tamén froitos secos. Iso xa a gusto de cada quen. É importante que sexa iogur grego, pois iso axuda a que quede moi esponxoso. Para conservalos, pódense deixar gardados nun envase pechado, ou ben conxelalos e telos sempre frescos. Tamén se poden torrar e, por suposto, facelos recheados do que máis vos guste. Crema de queixo e salmón e crema de cacahuete e plátano son as miñas combinacións favoritas.
Ola! Pois cóntoche: eu fíxenos a primeira vez con fariña triga sen fermento e boteille media cullerada de fermento químico porque lin mal e non me decatei de que dixeras unha e media X___D (era luns, que lle queres) e claro, subiron moi pouco pero estar están ricos!
Vou intentar outra vez coa cantidade correcta a ver que pasa (por certo, teño lido noutras receitas que cando se usa iogur recomendan engadir un pouquiño de bicarbonato tamén a maiores do fermento para darlle unha axuda xa que tenden a subir menos, ti que dis? Botareille algún ou deixo a receta estar?
Outra cousa que quero probar, unha vez que por fin me saian ben os normais, vai ser a versión sen glute. Teño un paquete de fariña para biscoitos e sen glute na casa que non sei que facer con ela así que xa che contarei!
Ola Isabel! Pois o bicarbonato mal non lle fará, iso si, bota pouco (1/2 culleradiña) para que non dea sabor, por se acaso 🙂 De seguro que coa cullerada e media han quedar ben, xa verás! Xa me contarás!!!
Eu penso que a versión sen glute tamén ten que quedar ben, ao final o importante é o iogur grego e que suba un chisco. De sabor van quedar boísimos igual!
Xa me dirás e moitísimas grazas por facelos e polo comentario 😀