Feliz Día Mundial do GOFRE!!! Como xa vos contei hai algún tempo, gústanme moito os libros de cociña. De feito, gústanme os libros, así en xeral. Diría que teño a síndrome esa de mercar libros, aínda que despois non os lea, ou tarde moito en lelos. Mais adoro ver libros e namoro de seguida deles, especialmente dos de cociña. E é por iso que agora collín o costume de pedir e mercar libros de cociña cando vou de viaxe.

Esta receita vén dun libro de cociña dunha viaxe. O meu irmán viaxou a Bélxica e aproveitei para pedirlle un libro de cociña de alí. El xa me coñece ben e sabe que me gustan con receitas típicas, na lingua orixinal e diferentes. O libro está en francés e ten moitas receitas típicas de Bélxica. Unha marabilla! Sorprendeume saber que había dous tipos de gofres. Eu sempre oíra falar destes, dos de Liexa, e pensaba que eran os únicos que había. Mais hai outros de Bruxelas. E a receita non pode ser máis diferente. Outro día heivos ensinar os de Bruxelas. Mais hoxe tocan estes, que son moooito máis larpeiros.

Veredes nos ingredientes o azucre perlado. E de seguro que teredes a dúbida de se se pode empregar o de sempre, e non este. Por poder, pode. Mais o resultado non ten nada que ver. Pois é precisamente este azucre o que lle dá ese sabor tan característico dos gofres. E non, despois de cociñados non se notan as perlas, mais si esa dozura especial. Probade, que paga a pena. Ah! E ademais hoxe, 25 de marzo, é o Día Mundial do Gofre! A festexar!!!

Ingredientes para uns 12 gofres
250 gramos de fariña triga
1 ovo
100 ml de leite morno
100 ml de auga
100 gramos de manteiga derretida
1 belisco de sal
25 gramos de azucre
20 gramos de fermento fresco de panadaría
100 gramos de azucre perlado
Preparación
- Desfacemos o fermento no leite morno e engadimos a auga, o ovo e o azucre. (Non o perlado). Batemos.
- Engadimos tamén a fariña, o sal e a manteiga e batemos de novo.
- Deixamos que a masa repouse durante, como mínimo, 30 minutos.
- Engadimos agora o azucre perlado e mesturamos ata que estea ben repartido.
- Botamos unha cullerada ben chea de masa por cada gofre e deixamos que se cociñen durante uns 3/4 minutos ata que estean dourados.
E xa estarían os nosos gofres preparados! Como vedes, non teñen dificultade ningunha. A cantidade de gofres depende da gofreira e de como de grandes vos gusten ou os fagades. Eu non lles engadín nada, porque están moi bos así e quedan moi doces, mais por suposto que con chocolate e nata por riba de seguro que están de vicio! Non vou eu dicir que non… 🙂