Hoxe, 16 de marzo, festéxase o DÍA DA ALCACHOFA. E eu teño a sorte de ter moi perto a alguén que as coñece ben. Tanto para saber se están no seu punto óptimo como para cociñalas. Unha boa alcachofa ten que estar ben pechada e dura. Coas follas ben pegadiñas. E o seu talo, firme. Neste blogue xa as fixemos en chulas e tamén preparamos uns chips de alcachofa. Calquera das dúas receitas está espectacular, mais non podemos negar que se precisa un chisco de tempo para preparalas.

Hoxe tráiovos unha receita para poder degustar as alcachofas ao microondas, en só 15 minutos e cunha preparación moi sinxela. E o mellor de todo é que están boísimas. E por se isto vos parecese pouco, é unha receita perfecta para todas as persoas, e ademais, saudábeis. Teno todo, seino!

E aínda lle engado outra vantaxe. É un pracer comer a carniña esa que teñen as follas da alcachofa por abaixo. Que non só o corazón está bo 😉 Xa o veredes!

Preparación
- Aquí vos deixo unha imaxe de como teñen que ser as alcachofas. Duras e apretadas.
- Sacámoslles o talo xunto con algunhas das folliñas pequenas do final, como vedes na imaxe.
- Collemos a alcachofa cunha man, dámoslle a volta e golpeámola con coidado contra unha superficie unhas 2 ou 3 veces, para que se abra lixeiramente. Deixo o vídeo máis abaixo, para que se vexa.
- Poñámolas sobre un prato apto para lavalouza e botamos sal, pementa e un bo chorro de aceite en cada alcachofa.
- Agora só temos que deixalas cociñar no microondas sen tapar durante 15 minutos a 800W de potencia.
VÍDEO DA ALCACHOFA
E xa teriamos as nosas alcachofas ao microondas preparadas. É importante ter en que conta que se son moi grandes, pode que precisen uns minutos máis. Todo é probar. Non vos fiedes moito da pinta, porque pode ser que vos pareza que aínda están duras, e non o están. O que pasa é que as follas exteriores tenden a quedar máis duras. Mais as de dentro e o corazón han estar ben tenros.

As follas sairán con facilidade, tirando un pouquiño. Moito coidado que saen moi quentes. Non vos queimedes. E bo proveito!!!