Con isto das estrugas hai moitos prexuízos. Evidentemente todos veñen porque se te achegas a elas, de seguro as recordas, e non por cousa boa. E é que raro é quen nunca se picou con elas indo polo campo. De feito, o seu nome vén precisamente diso, da urticaria que provocan. Agora ben, hai que dicir tamén que teñen un alto valor nutritivo e son boas para moitas cousas. Ademais das súas propiedades medicinais. E todo iso, nunha sinxela quiche de estrugas.
E si, con elas tamén se poden facer receitas moi sabedeiras. A min gústame moito o seu sabor e a súa textura suave. Coido que a única desvantaxe para a súa degustación é apañalas. Para facelo, déixovos uns cantos consellos:
- sempre con luvas de goma
- mellor na primavera, mais pódense coller en calquera época do ano
- botalas nunha bolsa de tea
- apañar só as 5 ou 6 primeiras follas, pois estarán máis tenras
- desbotar os talos e quedar só coas follas
Cómpre escaldalas sempre antes de empregalas, pois é a única maneira que temos de estar seguras de que non picarán. Polo demais, pódense preparar de moitas maneiras. Eu fixen esta quiche de estrugas que a verdade é que está espectacular. Foi louvada por todos os comensais, polo que o seu éxito está garantido.
Ingredientes
- Ingredientes para a masa brisa
250 gramos de fariña triga
125 gramos de manteiga fría
5 gramos de sal
80 gramos de auga ben fría
Legumes para enfornar
- Ingredientes para o recheo
100 gramos de estrugas (só as follas)
100 gramos de queixo
100 gramos de leite
3 ovos
250 gramos de shiitake
1 cebola pequena
Queixo Galmesán picado ou relado ao gusto
preparación
- Preparamos a masa: Mesturamos a fariña, a manteiga e o sal coas mans ata que quede cunha textura areosa.
- Engadimos a auga ben fría e mesturamos ata formar unha bóla. Non hai que amasar de máis. En canto una, xa está.
- Poñemos a bóla de masa envolta na neveira durante, mínimo, 15 minutos.
- Preparamos a quiche: Lavamos os shiitakes, cortámolos en tiras e fritímolos nunha cullerada de manteiga. Salgamos e reservamos. Fritimos tamén a cebola nun pouco aceite e reservamos. (Tamén podemos fritir a cebola cos shiitakes. Eu fíxeno por separado porque como ía facendo a receita segundo ía vendo como quedaba, boteina despois).
- Sacamos as follas das estrugas. (Sempre coas luvas e moito coidado. Collendo as follas máis grandes e fermosas, e deixando os talos e as follas pochas ou moi pequenas. Para os 100 gramos, precisei unha bolsa de tea ben chea)
- Pasámoslles unha auga por se houbera algún becho ou morriñada.
- Cocémolas en auga fervendo durante 10 minutos. Despois botámoslle auga fría e reservamos.
- Batemos os ovos e mesturamos co leite.
- Engadimos os shiitakes e as estrugas reservadas.
- E tamén o queixo cortado en anacos, e o Galmesán relado ou picado.
- Amasamos a masa que tiñamos na neveira co rolo ata deixala finiña e que nos cubra a base do noso molde (23 cm). Farémolo sobre un anaco de papel de enfornar.
- Picamos a masa co garfo para que non suba.
- E tapamos con outro papel de enfornar. Botamos as legumes e enfornamos 180ºC durante uns 20 minutos.
- Sacamos a masa do forno e engadimos o recheo da quiche.
- Enfornamos a 180ºC durante outros 20 minutos.
Podedes, por suposto, empregar unha masa brisa xa mercada. Mais asegúrovos que esta receita é moi sinxela e rápida, e o resultado non ten nada que ver! En canto ao recheo, podedes variar os ingredientes segundo a tempada ou o voso gusto. Xa sabedes que nestas cousas o mellor é probar e degustar ata dar coa que máis vos guste. Iso si, esta está boísima!!! E se aínda estades a dubidar de se probar as estrugas ou non, eu digo SI!!!
Estudando en Compostela, un día de primavera baixamos a dar unhas patadas a un balón os meus compañeiros de piso e mais eu. Eramos de Viveiro, A Peroxa, Montrove e A Coruña. Nunha pelexa por un balón, este caeu no medio das estrugas, facéndonos parar de súpeto ao chegarmos a elas. O da Coruña preguntou por que ficamos quedos e seguíu adiante para coller a pelota, comezando a dar saltiños mentras berraba “¡esto pica!”. Non acreditaba…
Por deixar ideas, acho que poderían funcionar ben como substitución das beldroegas no sopa alentejana.
De seguro que desde aquela non se esqueceu máis! Todo é cuestión de probar, eu coido que ha haber moitas receitas que lle quedan ben. Hei seguir probando 🙂