Hai peixes que dá gusto cociñalos porque son moi agradecidos e sempre prestan. Para min un deles é o rodaballo. Encántame o seu sabor, a súa textura e o sinxelo que é de comer sen complicarte moito coas espiñas. Sábeme ben de calquera xeito, mais recoñezo que o rodaballo ao forno dá pouco choio e queda realmente ben.
O máis importante é non facelo de máis para que non quede seco, polo que cómpre respectar os tempos e, por suposto, deixalo ao voso gusto. Para acompañalo, unhas pataquiñas e un pouco de cebola. Non precisa moito máis, pois o seu sabor xa é de por si moi bo. Hai quen o enforna coa cabeza e quen non, iso xa depende de como o queirades.
A min gústame máis enfornalo enteiro, aínda que lle cortei o rabecho porque non me cabía na tarteira. O importante é que estea limpo e sen as tripas.
Ingredientes para 4 persoas
1 cebola grande
4 patacas
1 rodaballo xeitoso
Un pouco de pirixel fresco
3 allos
1/2 vaso de viño branco
aceite, sal e pementa
preparación
- Comezamos cortando a cebola e as patacas en rodelas finas. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
- Fritímolas un chisco sen que cheguen a estar feitas de todo e cubrimos a base da tarteira coas cebolas…
- e as patacas.
- Facemos uns cortes no rodaballo xa limpo para despois poder repartilo con facilidade e para que o condimento entre ben e poñémolo sobre as patacas.
- Untamos de aceite o rodaballo e botámoslle sal e pementa.
- Picamos os allos e o pirixel moi finiños.
- Botámolo no medio vaso de viño e esparexémolo por todo o rodaballo procurando que quede ben metidiño polos cortes que fixemos.
- Tapamos a tarteira coa tapa (se ten) ou con papel de aluminio e enfornamos a 180ºC durante 20 minutos.
- Destapamos e deixamos que se faga outros 15-20 minutos.
E xa teriamos o noso rodaballo preparado para ser degustado. Xa vedes que a receita non ten ciencia ningunha e resulta unha opción lixeira, rápida e sabedeira para calquera ocasión. Tamén se lle poden engadir verduriñas coas patacas ou facelo con outros acompañamentos. Sexa como for, este rodaballo é exito asegurado!