Matchamisú

Que adoro o té matcha xa é algo máis que sabido! Gústame en moitas receitas, e con esta de Matchamisú, xa podo dicir que levo unhas poucas. Brownie, biscoito, trufas, torradas, mochis ou turrón son algunhas das receitas con matcha que hai no blogue. Mais se hai unha lambetada que estaba desexando facer con este té é, sen dúbida, o Matchamisú. Ou o que é o mesmo, un tiramisú de té matcha.

Ademais, quixen facer unha versión rápida e sen ovo, para non enredar moito na cociña e que a poidan comer as crianzas. Poderedes presentala así en vasiños, ou ben facer unha versión máis grande noutro tipo de molde. Iso xa a gustos. A min así gustoume moito porque queda moi xeitoso e non hai pelexas en ver quen comeu máis, ou menos :)A receita admite moitas variacións e podedes facela ao voso gusto. Por suposto o mellor é conservala na neveira e como bo tiramisú, sempre está máis bo ao día seguinte.

IngredienTes para 2 persoas

  • 100 gramos de nata para montar

  • 2 culleradas de azucre en po

  • 350 gramos de mascarpone

  • 1 vasiño de té matcha (1 vaso de auga, 1 culleradiña de té matcha e 1 culleradiña de azucre en po)

  • 8 biscoitiños Ladyfinger

  • Chocolate branco relado

  • Té matcha para botar por riba

Preparación

  • Montamos a nata co azucre en po.
  • Batemos un chisco o mascarpone e engadímolo á nata montada, mesturando ben.
  • Preparamos o matcha mesturando a auga quentiña, o té e mailo azucre. Relamos un pouco de chocolate branco.
  • Metemos a mestura do mascarpone nunha manga pasteleira e botamos nun vaso até cubrir a base.
  • Partimos en dous 2 biscoitiños, mollámolos no matcha e botámolos sobre o mascarpone, presionando lixeiramente para que se metan un chisco no mascarpone.
  • Engadimos chocolate branco relado ao gusto.
  • Botamos outra capa de mascarpone, outra de biscoitiños, tapamos coa crema de mascarpone, ata chegar arriba e alisamos a superficie. (Así, cos dous vasiños)
  • Botamos o matcha por riba cun coador.

E xa teriamos o noso matchamisú preparado. Se non o imos consumir no momento, gardarémolo na neveira. E como pasa co tiramisú tradicional, ao día seguinte, despois de repousar, aínda estará máis bo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.