Para comer un sándwich non se precisa moita escusa, todo hai que dicilo. É unha desas preparacións que se pode comer en calquera momento, no almorzo, no xantar, na merenda ou para cear. E sempre senta ben. Ademais, a combinación de ingredientes é infinita, e todas e cada unha de nós temos as nosas favoritas, tanto de recheo como de pan. Dicía que non cómpre escusa, mais hoxe eu téñoa, porque hoxe, día 3 de novembro, é o Día Mundial do Sándwich. E este sándwich cubano é perfecto para festexar este día.
Porque non hai mellor maneira de celebralo que comendo un sándwich! E este é un deses sándwiches que pode sorprender pola mestura de ingredientes, mais xa vos digo que todos xuntos quedaban de vicio! O sándwich cubano é sempre un acerto, pois teno todo para agradar a calquera padal. Xamón, queixo, un toque fresco cos cogombros e cremoso coa mostaza. E o mellor de todo, unha textura súper crocante con ese sabor a manteiga que a min tanto me gusta.
Ingredientes para 2 sándwiches
2 barras de pan pequenas para sándwich
4 lascas de queixo suízo
4 lascas de xamón cocido
cogombros en vinagre (dos grandes, que xa veñen en lascas)
xamón asado en lascas
mostaza
manteiga
preparación
- Cortamos o pan ao medio e untámolo coa mostaza.
- Poñemos as lascas de xamón asado, xamón cocido, queixo e o cogombros.
- Untamos o pan coa manteiga pola parte de fóra.
- E poñémolo a torrar nunha tixola ou prancha ata que estea ben dourado e crocante por ámbalas dúas partes.
Este sándwich cubano popularizouse cando os cubanos emigrados comezaron a preparalo nos Estados Unidos. Agora é unha das súas especialidades máis recoñecidas. E é que, como xa vos dixen, teno todo para se converter nun dos vosos favoritos, xa veredes!