Flan de kiwi e coco

Este ano a nosa colleita de kiwis non foi das mellores, mais aínda así temos 4 caixas cheas deles, polo que xa me toca discorrer algunha receita. E canto me gusta! Recoñezo que non é unha froita moi empregada en lambetadas, mais a min gústame moito. E teño que dicirvos que a combinación coco-kiwi deste flan de kiwi é todo un acerto. Ademais, e para non variar, é unha receita que logo se fai, con poucos ingredientes e cun resultado moi sabedeiro.

flan de kiwi

Este flan de kiwi non queda moi doce, mais nótase o sabor a coco e o kiwi dálle moito sabor. A textura é cremosa, entre un pudin e unha crema de ovos. O bo que ten é que se non tedes kiwis, o non vos gustan ou simplemente queredes probar con outra froita, só tedes que botar calquera outra e sairá igual de saboroso. O proceso é o mesmo e o resultado será bo igualmente, polo que é unha receita que paga a pena gardar.

flan de kiwi

Ingredientes para 4 flans

  • 3 kiwis

  • 3 ovos

  • 60 gramos de azucre branco

  • 200 ml de leite de coco

  • manteiga para untar os moldes

  • azucre en po para decorar (opcional)

  • 4 ramequins ou flaneiras

preparación

  • Botamos manteiga nos moldes. Pelamos e cortamos os kiwis en rodelas. E poñemos 3 rodelas de kiwi na base dos moldes. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.flan de kiwi
  • Mesturamos o resto dos ingredientes: ovos, azucre, fariña e leite de coco.flan de kiwi
  • Botamos a mestura sobre os kiwis.flan de kiwi
  • E poñemos o resto das rodelas sobre a mestura. É probable que caian, ou que queden asomando un chisco pola masa.flan de kiwi
  • Enfornamos a 180ºC ao baño María durante uns 30-40 minutos ou ata que vexades que xa callaron.flan de kiwi

Deixamos arrefriar de todo, botamos azucre en po por riba e xa podemos meterlles o dente! Tamén se poden decorar con chocolate ou coco relado. Como vedes, é unha larpeirada que está ben boa e que non ten dificultade ningunha. Animádevos a preparala e xa veredes que vos ha encantar.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.