É curioso como hai cousas que nos gustan nunhas receitas moito, e noutras nada. Eu non son nada seareira do limón e non adoito botarllo a ningún prato salgado, de feito, non acabo de collerlle o punto aos pratos que levan este ingrediente. Mais gosto moito do seu sabor nas larpeiradas. Aí si. E é que a combinación do doce co acedo paréceme do máis sabedeira. Por iso este biscoito de limón leva limón por tódolos sitios posíbeis.
Raladura por dentro, zume no almibre, e para rematar, unha cobertura de limón. E se vos estades a preguntar se está bo, só vos podo dicir que si, moito. Ademais, é un biscoito que se fai moi axiña, cunha textura cremosa espectacular e con moito sabor grazas ao almibre e á cobertura. Perfecto para calquera momento do día. Estou segura de que vos ha encantar e de que o faredes moitas veces.
Os ingredientes, moi sinxelos, coma sempre. Xa sabedes que a min as receitas gústanme rápidas, doadas e con ingredientes que adoitamos ter a man. E este biscoito de limón non ha ser menos.
IngredientES para o biscoito
225 gramos de manteiga branda
225 gramos de azucre branco
225 gramos de fariña triga peneirada
1 sobre (16 gramos) de fermento químico
1 limón relado
4 ovos (a temperatura ambiente)
- Ingredientes para o almibre
50 ml de zume de limón
50 gramos de azucre en po
- Ingredientes para a cobertura de limón
250 gramos de azucre en po
1 cullerada de leite
3/4 culleradas de zume de limón
preparación
- Mesturamos a manteiga e o azucre. Poñemos o forno a quentar a 160ºC co ventilador posto e con calor por arriba e por abaixo.
- Engadimos a fariña, o fermento, os ovos e a raladura do limón. Mesturamos todo moi ben.
- Enfornamos a 160ºC durante 45 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
- Preparamos o almibre mesturando o zume de limón e o azucre en po e botámolo por riba do biscoito cando aínda estea morno.
- Deixamos que arrefríe e preparamos a cobertura. Botámola por riba do biscoito.
- Ata que quede totalmente cuberto por arriba e lixeiramente polos lados.
Agora só temos que agardar a que o glasado se asente e quede duriño. E xa estará listo o noso biscoito de limón para ser degustado. Xa vos digo que non ha durar moito. No meu caso, podo dicirvos que ás poucas horas de estar frío, quedaba menos da metade. E non creo que chegue a mañá. Polo que, tanto se devecedes polo limón como se non, eu de vós non tardaría moito en preparar este saborosísimo biscoito de limón.