O tempo deste verán está sendo ideal para min, pois non son eu moi seareira do calor nin das altas temperaturas. Iso si, para os produtos da horta non tanto, e para os tomates, menos. Que os pobres xa levan medrados case un mes e non hai maneira de que se poñan encarnados. Así foi como decidín que xa tocaba probar a facer os tomates verdes fritidos.
Aínda que xa outros anos tiven a tentación de facer os tomates verdes fritidos, a verdade é que me daba algo de mágoa ‘estragar’ os tomates e remataba por deixalos madurar. Este ano, non teño desculpa e xa vos digo que non será o último.
Os tomates que empreguei son de corazón de boi, e, como xa sabedes, é un tomate que non ten moitas pebidas, polo que é, aínda maduro, máis seco que os demais. Polo que cando comecei a cortalos verdes, pensei que non saberían ben porque os vía moi secos, mais despois de fritidos, estaban moi suculentos e tiñan a típica humidade do tomate.
O sabor ten un punto doce, tendo en conta que o tomate sempre tira a saber algo agre; e a textura é entre dura e tenra. Custaría saber que son tomates se non cho din ou non o sabes. Mais xa vos digo que repetiría un cento de veces. Un resultado diferente, mais altamente viciante.
Ingredientes
1 kg de tomates verdes
200 gramos de fariña triga
100 g de fariña milla (a de facer as empanadas)
2 ovos
100 ml de leite
2 iogures naturais sen azucre
sal
pementa negra
aceite para fritir
preparación
- Cortamos os tomates verdes en rodelas de aproximadamente 1 cm, desbotando as partes feas e onde está o rabecho.
- Mesturamos as fariñas.
- Batemos os ovos, xunto cos iogures o leite, o sal e a pementa.
- Pasamos os tomates pola mestura húmida, pola seca e a fritir a lume medio-alto.
- Probamos de sal e deixamos que repousen sobre un anaco de papel absorbente.
A preparación non ten moita ciencia e o iogur e o leite poden substituirse por leite agre, se o tedes a man ou ben o queredes facer con leite e limón. O empanado dalle un toque diferente que fai destacar aínda máis o sabor do tomate verde. Non quedan nada oleosos e se vos sobra, podedes aproveitar o empanado para fritir unhas tiras de cabaciña, por exemplo.
Teño unha amiga do sur de EE.UU. que os fai so con sal e fariña milla grosa.
Outra cousa que quero probar cando teña horta son os tomates encurtidos:
https://www.southernliving.com/recipes/pickled-green-tomatoes
Terei que probar así tamén, que este ano hai abondo! Grazas pola idea.
Mirarei a receita, que gosto moito dos encurtidos.