Hai receitas que xorden así, do pensamento, ou do feito de estar todo o santo día a mirar receitas, que ao final, algo queda! Non sei vós, mais eu non fago mais que mirar receitas, así despois ando con fame todo o día, mais iso xa é outro tema 🙂 Xa tiña unha receita de cogomelos recheados ao forno, mais desta vez quería facer unha versión diferente, máis cremoseira.
O recheo non é nada orixinal, é un pouco o típico dos ravioli, mais cun toque diferente. O mascarpone cos espinafres queda moi ben e se lle engadimos un queixo que lle dea corpo e un puntiño picante, pouco hai que mellorar. Se conseguides cogomelos grandes, o resultado é moito mellor, pois o recheo ten menos probabilidades de escapar. Ademais a capiña de pan relado por riba fai que o exterior destes cogomelos recheados quede crocante e o interior moi suave e cremoso.
Ingredientes
300 gramos de espinafres
250 gramos de queixo Mascarpone
20 champiñóns grandes
Grana Padano ao gusto
Pementa branca ao gusto
Sal
Pan relado
Preparación
- Lavamos os cogomelos con pouca auga e sacámoslles o pé. Deixámolos sobre papel absorbente para que escorran e sequen.
- Fervemos os espinafres ata que estean no seu punto.
- Mesturamos os espinafres cocidos, xunto co mascarpone, o Grana Padano, o sal e a pementa branca. Probamos ata que o topemos ao noso gusto.
- Colocamos os cogomelos nun molde para forno ou na bandexa, cun pouco de aceite de oliva por abaixo.
- Enchemos cada cogomelo con esta mestura, procurando non botar de máis e axudándonos dunha manga pasteleira.
- Engadimos pan relado por riba para que nos axude a formar a capa crocante. Tamén podemos botarlle máis Grana Padano se non queremos engadirlle o pan relado.
- Enfornamos a 200ºC durante uns 20 minutos ou ata que vexades que o cogomelo estea cociñado.
Os cogomelos é mellor non lavalos de máis, pois collen moita auga e despois tamén botan moita ao facelos ao forno, cousa que ao facelos recheados non nos interesa, pois queremos que o cogomelo quede seco e o recheo moi cremoso. É importante manter a proporción de mascarpone e espinafres, para que o recheo non quede moi líquido e corramos o risco de que acabe espallado pola bandexa do forno. Que no caso de que nos pase, tampouco é un problema, pois sempre se poderán comer igual e estarán moi bos. Eu non probei con acelgas, mais penso que tamén serían unha boa opción se as tedes na horta e queredes aproveitar. Iso si, habería que cortalas pequeniñas, para que despois queden ben no recheo.