Penso que non teño moitas receitas de framboesas no blogue porque en canto chegan a casa, hai quen dá boa conta delas, polo que non adoito ter moita oportunidade de facer unha lambetada con elas. Desta vez, houbo sorte e puiden facer un biscoito manteigoso de framboesas. E é que son un froito que aquela ben con calquera lambonada, xa sexa como recheo, para decorar, en marmelada ou de calquera xeito.
A preparación é moi rápida e sinxela, basicamente mesturar tódolos ingredientes e enfornar. E se non sodes moito de framboesas, non pasa nada, uns arandos, amoras ou amorodos tamén lle han quedar de marabilla. Xa sabedes que coa froita, o mellor é aproveitar a que estea de tempada ou a que teñades pola horta.
Eu engadín 30 gramos de fécula de pataca porque quería probar a ver como quedaba, pois din que fai que os biscoitos queden mellor. Se non a tedes a man, engadides eses 30 gramos de fariña triga e listo. É un biscoito que queda cunha textura similar á dos blondies, non é esponxoso, senón máis ben manteigoso e cremoso, deses que semellan derreterse na boca en cada trabada.
IngredientES
220 gramos de fariña triga xirgada
30 gramos de fécula de pataca
1 culleradiña de fermento químico
1/2 culleradiña de sal
115 gramos de manteiga
145 gramos de azucre branco
2 ovos
60 gramos de iogur natural sen azucre
2 culleradiñas de esencia de vainilla
120 ml de leite enteiro
125 gramos de framboesas
Un pouco máis de fariña para enfariñar as framboesas
preparación
- Mesturamos os ingredientes secos e os húmidos e despois imos xuntando ámbalas dúas mesturas pouco a pouco. Poñemos o forno a quentar a 175ºC con calor por arriba e por abaixo.
- Enfariñamos as framboesas cun pouco de fariña para que despois non vaian para o fondo do biscoito.
- E engadímolas á masa, mesturando con movementos suaves.
- Forramos un molde 20 cm con papel de aluminio ou papel de forno e un chisco de manteiga. Botamos a masa.
- Enfornamos a 175ºC durante uns 45 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
Como vos dicía, non é o típico biscoito esponxoso, que medra moito no forno e queda con moito aire polo medio. É un biscoito húmido, cunha textura máis densa e manteigosa. O sabor é moi suave, cun toque a vainilla e o perfecto acompañamento das framboesas. Se tedes limón e non vainilla, coido que lle ha quedar tamén moi ben o contraste do cítrico e a cremosidade da súa textura.