Torta invisíbel de mazá e amorodo

Por cousas que pasan, levaba unha época intentando poñer receitas no blogue sen éxito. Normalmente adoito ter sorte e sáenme ás receitas á primeira, mais levaba uns meses nos que receita que intentaba, receita que me saía mal. Para min, perfeccionista e auto-esixente sen remedio, isto resultaba bastante frustrante. Mais que nada porque este blogue é un proxecto persoal que me gusta manter vivo, e que non me saíran as receitas, facía que mantelo con vida comezase a ser algo difícil.

torta invisible

Por iso estou moi contenta de que esta torta invisíbel de mazá e amorodo me saíse ben. Non foi á primeira, mais ao final, aquí está! É unha torta moi lixeira, leva moi pouca masa, de aí o nome, e moita mazá, cousa que fai que sexa unha torta bastante saudábel, dentro de ser unha larpeirada, claro. A mazá dálle un punto moi doce e o amorodo tamén. Así, esta torta só leva 40 gramos de azucre, que en comparación cos 200 ou 250 gramos que adoitan levar os biscoitos, son moi poucos. Polo tanto, se andades a buscar unha lambetada de froitas, que sexa lixeira, esta unha moi boa opción. Ademais, o paso a paso é moi sinxelo, e os ingredientes, deses que todos temos pola casa.

IngredientES

  • 1 quilo de mazás

  • 7 ou 8 amorodos

  • 2 ovos grandes ou 3 pequenos

  • 40 gramos de azucre

  • 20 gramos de manteiga

  • 120 ml de leite

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 70 gramos de fariña triga

  • 1 sobre de fermento químico (16 gramos)

  • 1 belisco de sal

  • 1 limón

preparación

  • Pelamos, cortamos as mazás en 4, quitámoslles as sementes e cortámolas o máis fino que poidamos. Botámoslles zume de limón para que non se oxiden. Cortamos tamén en láminas os amorodos.
  • Mesturamos o resto dos ingredientes: os ovos, o azucre, o sal, vainilla, a manteiga desfeita, o leite, o fermento e a fariña xirgada. Batemos todo ben.torta invisible
  • Mesturamos as mazás cortadas coa masa, con movementos suaves para que non rompan.torta invisible
  • Engraxamos un molde de 20 cm con manteiga e enfariñamos. Botamos a metade da masa coas mazás e poñemos unha capa de amorodos. torta invisible
  • Botamos o resto das mazás e dámoslle uns lixeiros golpes ao molde para que quede todo ben asentado.
  • Enfornamos a 180ºC con calor por arriba e por abaixo e co ventilador durante uns 40 minutos. torta invisible
  • Sacamos a torta do molde cando aínda estea morna, e deixaremos que arrefríe por completo antes de catala.

Eu, como son moi larpeira, e ademais, estamos no verán e xa comeza a facer calor, acompañei un anaco desta torta de mazá invisíbel cun pouco de xeado, e a verdade é que está realmente ben. Ás tortas de mazá quédalles ben o xeado, en xeral, e esta non ía ser menos. Podedes botarlle un pouco de azucre en po por riba, e poñerlle uns amorodos, para que quede mellor presentada. É unha torta que queda cunha textura moi cremosa e suave, e un sabor a mazá acaramelado e doce.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.