Torta de crepes da Candeloria

O dous de febreiro, como ben é sabido, celébrase o día da Candeloria (Chandeleur en francés) e por terras francesas é típico facer e comer crepes. Eu descubrín esta tradición grazas á profesora de francés do instituto onde traballo. Sempre que chega o día da Chandeleur, leva unha crepeira para o insti e ensínalles aos alumnos como se fan as crepes e o por que desta tradición. Antes de falarvos sobre a súa orixe, chamoume moito a atención o feito de que os franceses estean a facer crepes na mesma época na que andamos nós a facer filloas, non vos parece?

Vexamos de onde vén esta tradición do día da Candeloria, a ver se atopamos algo que poida ter en común. A tradición remóntase, como adoita pasar con estas cousas, a tempos pre-Cristiás onde, evidentemente, non se celebraba ningún santo, senón o feito de que os días xa eran máis longos, e isto marcaba o inicio da sementeira e a posterior colleita. Como axiña habería unha nova colleita, cumpría empregar o trigo sobrante da colleita anterior.

Así pois, que mellor maneira de facelo que preparando unhas crepes. E por que as crepes teñen esta forma redonda? Pois para darlle ás grazas ao sol e poder asegurar que a colleita vindeira fose xeitosa. Podería ser esta teoría semellante á orixe pagá da nosa filloa

A verdade é que para ser a primeira vez que facía crepes (sempre fixen filloas) e tendo en conta que inventei a receita, estou moi satisfeita co resultado. A idea inicial era encher as crepes de crema e despois fritilas, mais o día que as ía facer, dei en pensar que unha torta de crepes con crema polo medio, e crema queimada por riba, faría babexar a calquera comensal. E tamén dá menos traballo e menos calorías que andar fritindo nelas.

Ingredientes para as crepes

  • 500 ml de leite

  • 250 gramos de fariña triga

  • 2 ovos

  • 2 culleradas de azucre

  • 1 chorriño de aceite

Ingredientes para a crema

  • 200 ml de leite

  • 2 xemas

  • 40 gramos de azucre

  • 15 gramos de maizena

  • 1/4 de vaíña de vainilla

PREPARACIÓN

  • Mesturamos tódolos ingredientes das crepes e ímolas facendo nunha tixola, que iremos untando con aceite ou manteiga.crepes
  • Cando xa as teñamos todas, deixamos que arrefríen un chisco mentres preparamos a crema. Con esta cantidade saen unhas 20 nunha tixola de 18 cm. crepes
  • Para preparar a crema poñemos a punto de ferver o leite coa vaíña de vainilla sen as sementes de dentro. (As sementes van co azucre)crepes
  • Nun bol mesturamos as xemas co azucre, as sementes de vainilla e a maicena. crepes
  • Engadimos o leite no bol, mesturamos e poñémolo a ferver de novo, remexendo ata que espese. Despois sacámola da pota e reservamos.
  • Despois só temos que poñer unha crepe, untar coa crema ata que a cubra (sen pasarnos), poñer outra crepe por riba e repetir o proceso con tódalas crepes e a crema.crepes
  • Na última crepe botaremos unha boa capa de crema.crepes
  • Esparexemos unha boa cantidade de azucre por riba.crepes
  • E queimamos o azucre para que quede unha capa acaramelada e crocante.crepes

A torta aguanta varios días na neveira, mais a miña recomendación é que a comades canto antes, que é cando está máis cremosa. Se non vos gusta a crema, podedes empregar outros recheos. Estou segura de que o chocolate tamén lle había quedar moi ben. Agardo que vos guste a receita e por suposto que tamén se pode facer con filloas, aínda que sexan de caldo 😉

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.