Mantemuertos de chocolate

O Día de Muertos en México é unha celebración cada vez máis coñecida en todo o mundo. E a súa gastronomía comeza tamén a ser recoñecida máis aló das fronteiras mexicanas. Aínda así, eu descoñecía totalmente esta versión do pan de muerto (xa máis recoñecíbel) na que se mesturan o que aquí chamamos madalenas ou mantecados, de aí a que se empregue o típico molde das madalenas, e o pan de muerto. E por iso estas lambetadas se coñecen como mantemuertos. De feito, a receita conserva a típica colocación dos ósos e a boliña sobre o que sería o cranio, algo

moi característico e imprescindíbel no pan de muerto tradicional. Os ósos que poñemos enriba representan os defuntos, e a bóla pequena colocada enriba podería ou ben representar as bágoas choradas polos familiares dos defuntos, ou ben as bágoas da deusa azteca da vida e a morte. 

Esta receita chegou a min grazas a Xabier, que pensou en min cando viu o vídeo destas lambetadas na rede, e eu fiquei namorada en canto a vin. Déixovos tamén o vídeo de Youtube para que poidades tamén ver a receita.

Ingredientes para 6 mantemuertos

  • 75 gramos de manteiga
  • 60 gramos de azucre
  • 2 ovos
  • 225 gramos de fariña triga
  • 7 gramos de fermento químico
  • 1 belisco de sal
  • 35 gramos de cacao
  • manteiga e azucre para decorar
  • 6 moldes de papel para madalenas

Preparación

  1. Batemos a manteiga e o azucre ata obter unha mestura cremosa. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
  2. Engadimos os ovos un a un e mesturamos.
  3. Peneiramos tódolos ingredientes secos.
  4. Mesturamos ámbalas dúas mesturas e amasamos coas mans, formando un boliño.
  5. Deixamos que repouse durante unha media hora.
  6. Dividimos a masa en bolas de 70 gramos e poñémolas sobre moldes de madalena.
  7. Co resto da masa, formamos ósos e boliñas. Os ósos farémolos marcando as dobreces cos nosos dedos mentres estiramos a masa.
  8. Despois só temos que poñer os ósos enriba das bólas de masa a modo e cruz, e a boliña no centro, onde se xuntan os ósos.
  9. Enfornamos a 180ºC durante uns 20 minutos. Deixamos que arrefríen un pouco, pintamos os mantemuertos con manteiga desfeita e botámoslles azucre por riba. E listo!

A textura da lambetada é ideal para acompañar cun chocolate quente, un te, ou un vaso de leite, pois non é a típica textura de biscoito, moi esponxoso, senón máis tipo pan. E o certo é que mollado en calquera bebida quente, fai que aínda estea máis bo. En canto ao sabor recórdame ao dun brownie ou un biscoito de chocolate. Polo demais, a receita é ben sinxela e o resultado non hai máis que velo, son bonitos ata máis non poder! Aínda que eu non probei, penso que unhas pingas de chocolate lle quedarían  moi ben, por se alguén se anima a probar. Feliz Día de Muertos! 🙂

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.