Biscoito de ameixas

Biscoito de ameixas

ameixas

A verdade é que xa tiña o blogue medio de vacacións porque non tiña pensado facer receitas estes días, mais a necesidade ás veces obriga e vendo a cantidade de ameixas que tiñan as ameixeiras na horta, non podía máis que facerlles unha homenaxe larpeira e ofrecervos esta receita sinxela e moi sabedeira para poder aproveitar esas marabillosas ameixas e que non se boten a perder, que sería unha mágoa.

Ameixas

Tanto os ingredientes como o paso a paso xa veredes que non dá traballo ningún. E si, eu tamén dei con algún que outro escéptico que pensaba que un biscoito con ameixas non podería saber ben e mira ti, foron os primeiros en meterlle o dente e dicir que estaba boísimo. Ai! Xente de pouca fe! Sen máis lerias, imos aló!

Ingredientes: 

125 gramos de manteiga

60 gramos de azucre moreno

60 gramos de azucre branco

4 ovos

250 gramos de fariña

1 sobre de fermento químico

Unhas 30 ameixas aproximadamente*

*Non as pesei antes e conteinas despois cando xa as tiña cortadas ao medio.

Preparación paso a paso:

1. Comezamos cortando as ameixas ao medio. Deixamos a parte sen carabuña para poñer por riba do biscoito e á parte con carabuña sacámoslle a pepa e a pel e gardamos a polpa.

2. Mesturamos a manteiga e os azucres ata ter unha pasta cremosa.

3. Engadimos os ovos 1 a 1 mentres batemos e engadimos tamén a polpa das ameixas.

Ameixas

4. Tamizamos a fariña e engadímola xunto co fermento. Batemos todo ata que estea ben integrado.

Ameixas

5. Untamos o molde con manteiga e cubrimos a base con papel de enfornar, vertemos a masa e colocamos as metades das ameixas, coa pel cara arriba.

Ameixas

6. Esparexemos azucre branco por riba e enfornamos a 180º durante uns 45 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.

Ameixas

O resultado é un biscoito non moi doce, cunha textura entre biscoito e pan, que fará que lle guste ata aos menos larpeiros. As ameixas quedan de medo, por suposto, danlle un toque doce e suculento, e non hai nada mellor que unha lambonada con froitas de tempada e da horta. Bo proveito!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.