Tortiñas de arandos (BLW)

Tortiñas de arandos (BLW)

Esta receita de tortiñas con arandos é apta para peques a partir de 6 meses e é ademais unha moi boa maneira de introducir cereais. Eu fíxenas con fariña de avea (flocos de avea moídos), mais podedes aproveitar para facelas con outros cereais e así ir probando. O resultado son unhas tortiñas moi doces, nutritivas, saudábeis e rápidas de facer. E, sobre todo, para compartir en familia 🙂

Ingredientes para 6 mini tortiñas:
– 2 plátanos maduros
– 20 gramos de fariña de avea
– 20 gramos de arandos
– un belisco de canela

Preparación paso a paso:

1. Facemos un puré co plátano usando un garfo e engadimos a fariña de avea (moendo os flocos de avea) e maila canela. Mesturamos ben.

2. Nunha tixola quente cunha culleradiña de aceite de oliva botamos 1 cullerada de masa por tortiña.

3. Colocamos os arandos.

4. Deixamos que se faga ben e dámoslle a volta, deixando que se cociñe polo outro lado. E listo!

Os arandos tamén os podemos botar directamente na masa. E tamén podemos probar con framboesas ou amorodos. Recordade que os diferentes alimentos que compoñen esta receita deberán ser ofrecidos aos pequerrechos de un en un, ou mesturados con alimentos xa probados con anterioridade. A introdución de cereais, como xa falamos nos artigos previos, terémola que repetir durante 3 días seguidos para descartar algún tipo de alerxia ou intolerancia. Xa veredes que aínda que pareza unha receita moi sinxela, o resultado é espectacular, son moi doces e moi saborosas! (Eu aínda non as probei co peque, en canto as probe, xa vos contarei como foi!)

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.