Sétima Etapa / Seventh Stage: Los Arcos

Sétima Etapa: Los Arcos

Seguimos co noso Camiño de Santiago prato a prato e facemos unha parada en Los Arcos (Nafarroa) para coller folgos e poder seguir camiñando a bo ritmo. Nesta localidade navarra, daremos boa conta dunha lambetada que tamén é moi famosa pola nosa terra, O LEITE FRITIDO. Sobre as súas posibles orixes ou onde comezou a facerse esta lambonada por primeira vez, non poderemos dar unha resposta con exactitude, mais a verdade é que pola súa elaboración e os ingredientes empregados, é unha receita desas tradicionais do norte da península, desas de toda a vida, que se facían en case tódolos fogares. Esta é a segunda vez que a fago e estou aínda máis contenta co resultado, polo que se tedes algo de tempo e estes ingredientes (que de seguro que si), non perdades a oportunidade de preparar esta marabilla de sobremesa. Continue reading

Sexta Etapa / Sixth Stage: Lizarra / Estella

Sexta Etapa: Lizarra / Estella

Unha das cousas que máis me gustan deste Camiño de Santiago que imos facendo prato a prato é a variedade de produtos e pratos típicos que podemos atopar ao longo desta travesía tan fermosa. Despois dos pementos do piquillo recheos, preparamos un prato que tamén é moi saboroso, mais desta vez, con peixe: O BACALLAU AJOARRIERO. Este prato ten como ingredientes básicos o bacallau, o pemento, a cebola e o prebe de tomate. É unha receita sinxela, rápida e que, ademais, é moi saudábel, para que despois non digamos que non se poden facer pratos saudábeis e rápidos. Hai quen tamén lle bota patacas e pemento verde. Eu como non son moi seareira do pemento verde, non llo botei, mais se a vós vos gusta, adiante! O mellor de cociñar é facer as receitas como máis nos gustan e adaptalas ás nosas preferencias. Facer de cada receita, algo noso. E sen máis, imos aló! Continue reading

Quinta Etapa / Fifth Stage: Gares / Puente la Reina

Quinta Etapa: Gares / Puente la Reina

Despois de pasar pola capital e degustar eses marabillosos txantxigorris, chegamos a Gares, tamén coñecida como Puente la Reina. Nesta localidade, celebran cada ano entre os meses de setembro a decembro o Mercado do Pemento. Neste mercado, podemos ver non só diferentes variedades de pementos, senón tamén outros tantos produtos típicos desta zona, como son as fabas, patacas ou melóns. Iso si, se hai un pemento que asociamos a Nafarroa, ese é o pemento do piquillo, non si? Hai que dicir que o pemento que ten a denominación de orixe protexida é o de Lodosa. A forma deste pemento é triangular e acostuma a venderse enlatado e previamente cociñado, listo para degustar! Unha vez asado, a maneira máis popular de comelo é recheo. E como a min me gustan tanto os cogomelos, pois tíveno claro dende o principio! PEMENTOS DO PIQUILLO RECHEOS DE COGOMELOS. É unha receita moi saudábel, que alimenta moito e ben e que, ademais, faise moi rápida e campa que non vexas. Teno todo, vaia! E estes pementos teñen un sabor espectacular! Imos aló! Continue reading

Cuarta Etapa / Fourth Stage: Iruña / Pamplona

Cuarta Etapa: Iruña / Pamplona

Seguimos paso a paso e trabada a trabada polo noso Camiño cara a Compostela e, despois de degustar esa txistorra tan saborosa de Zubiri, paramos en Iruña, capital de Nafarroa. A gastronomía xoga un papel moi importante en toda Navarra e, como ben sabedes, en Pamplona iso non queda atrás. Cando fun alí por primeira vez, unha das lambetadas que máis me fascinou e que me parece unha combinación moi curiosa e, ao mesmo tempo, moi acertada, foron os TXANTXIGORRIS, un doce feito, como o seu nome ben indica, con txantxigorris, que non deixan de ser torresmos. E si, levan torresmos e levan canela e o seu sabor é doutro mundo! Estas tortas de txantxigorris acostuman a prepararse, como é evidente, durante a mata do porco que é cando os torresmos están máis frescos. Para facer os txantxigorris, inspireime na receita de Eva Arguiñano e o resultado gustoume moito. O mellor é ir a Iruña e probalos así, mais se podemos ir preparándoos na casa, polo menos matamos o antollo, non é? Imos aló! Continue reading

Terceira Etapa / Third Stage: Zubiri

Terceira Etapa: Zubiri

Despois de probar os sabedeiros perretxikos en Roncesvalles, seguimos o noso particular camiño prato a prato por terras de Navarra e paramos en Zubiri. Nesta pequena localidade a só 20 quilómetros de Iruña, teñen boa fama os embutidos e, especialmente, a txistorra, que se vende nas tendas máis sibaritas da capital. Para preparar a txistorra de Zubiri, precísase pouca cousa, un chisco de aceite, fritila a lume non moi alto para que non se chasque e un anaco de pan. Iso si, habendo ingredientes e fame, o mellor é preparar un dos pratos máis populares: OVOS ROTOS CON TXISTORRA E PATACAS. Se por separado, xa están de vicio, estes ingredientes todos xuntos fan que este sexa un dos pratos máis lambóns e saborosos que se poden facer! E se pode ser con patacas do país e ovos da casa, xa resultará o prato perfecto. Imos aló! Continue reading

Segunda Etapa / Second Stage: Orreaga / Roncesvalles

Segunda Etapa: Orreaga / Roncesvalles

Despois da primeira etapa en Sant Jean Pied de Port, entramos en territorio navarro por Roncesvalles (en Euskara: Orreaga). Aquí, degustaremos un produto típico desta zona: os cogomelos de primavera, coñecidos como perretxikos. Este cogomelo é carnoso e ten un aroma que recorda ao da fariña acabada de moer. Tamén coñecido como cogomelo de San Xurxo, este cogomelo comeza a aparecer nos prados durante a primavera, de aí o seu nome. Dos perretxikos dise que unha vez que se ven, xa non medran, de aí que saber onde coller estes cogomelos sexa un segredo ben gardado. Unha das receitas máis sinxelas e saborosas e que ademais saca o mellor destes cogomelos, é o REVOLTO DE PERRETXIKOS. O mellor de todo sería ter a posibilidade de ir buscalos ou cazalos, mais non sendo época ou non tendo a oportunidade, sempre os podedes mercar deshidratados, como fixen eu. E o certo é que están tan bos así, que non me imaxino como deben saber acabados de coller! Imos aló! Continue reading