Biscoito de pexegos / Peach cake

Biscoito de pexegos

Unha das cousas que máis me gusta do verán é ir á horta de meus pais e ver como as árbores están cheas de froitos: mazás, pexegos, ameixos, claudias, peras… É unha marabilla! Coller os froitos directamente da árbore e comelos é un deses tan esquecidos pequenos praceres da vida! Este ano, non sei se pola calor, o pexegueiro está a tope de pexegos que xa están no seu punto. E cando veñen tantos á vez, non se me ocorre outra cousa que facer unha larpeirada con eles, como non podía ser doutra maneira! Esta é ben sinxela e non se precisan moitos ingredientes. O resultado, xa o vedes, incrible! A pinta é boa, mais o sabor aínda é mellor! Imos aló! Continue reading “Biscoito de pexegos / Peach cake”

Torta de queixo con arandos / Blueberry cheesecake

Torta de queixo con arandos

Hai uns días recibín un agasallo do Pazo de Vilane, no que me convidaban a probar as súas marmeladas caseiras. E que boas están!!! Tanto ten cantas marmeladas probastes ata o de agora, o seu sabor é tan natural e tan saboroso, que pasarán a ser as vosas favoritas decontado. De momento xa levo probadas dúas, a de arandos, que empreguei nesta receita, e a de framboesas, que xa probei noutra receita que vos ensinarei proximamente. Tamén teñen unha de tomate ecolóxico, que tamén empregarei nunha receita, por suposto! Invítovos a probalas sen perder máis tempo, en cada trabada nótase a calidade do produto e o agarimo co que as fan. Ademais, non son moi doces e o sabor da froita é o que destaca. Para empregar esta marabilla de marmelada de arandos, tiña claro dende o comezo que sería cunha torta de queixo. É unha das mellores combinacións do mundo mundial! Imos aló!!! Continue reading “Torta de queixo con arandos / Blueberry cheesecake”

Macarróns gratinados / Macaroni au gratin

Macarróns gratinados

Hai días nos que apetecen macarróns, ou polo menos iso me pasa a min. Recoñezo que son bastante de antollos con isto da comida e hai pouco andaba eu pola rúa e veu un aroma a macarróns gratinados que… bufff, non me puiden resistir a preparalos na casa! É unha receita sinxela que a maioría de nós xa preparamos algunha que outra vez, sobre todo, se temos cativada pola casa. De cando en cando xa toca facer algún prato que non é tan saudábel, mais que si nos trae recordos de cando eramos pequenos e nos facían estes pratos tan divertidos e saborosos 😉 Imos aló! Continue reading “Macarróns gratinados / Macaroni au gratin”

Espaguetes de cabaciña con crema de aguacate / Zoodles with avocado

Espaguetes de cabaciña con crema de aguacate

Adoitamos pensar que as receitas máis saudábeis sempre leva máis tempo facelas e, cando temos pouco tempo para cociñar, acabamos facendo un prato de pasta ou de arroz. Esta prato de espaguetes de cabaciña faise en moi pouco tempo, e se tedes algún aparello para cortar as cabaciñas en tiras aínda acabaredes máis axiña. Eu fun co coitelo e aínda así pouco tardei. A crema de aguacate fai que queden uns espaguetes moi cremosos e sabedeiros. Eu aproveitei os ingredientes que tiña de preparar mollo pesto, mais podedes botarlle coandro e non alfábega, ou non botarlle queixo parmesano, se non vos gusta. Iso xa é cuestión de experimentar. Imos aló! Continue reading “Espaguetes de cabaciña con crema de aguacate / Zoodles with avocado”

Canelóns de berenxena / Aubergine rolls

Canelóns de berenxena

canelóns de berenxena

Aínda que xa estamos recollendo as últimas berenxenas da horta, este ano non nos podemos queixar, pois aínda che duraron ben. A min encántanme, e como proba, non se precisa máis que unha ollada rápida aos milleiros de receitas de berenxenas que hai no blogue. Desta vez, uns canelóns ben rápidos e sinxelos, que ademais campan que rabean e saben de medo! Non é preciso nin gratinalos nin levalos ao forno! Iso si, se lles queredes engadir queixo relado e poñelo a dourar, de seguro que o agradece 😉 Imos aló! Continue reading “Canelóns de berenxena / Aubergine rolls”

Torta de cabaciña / Zucchini pie

Torta de cabaciña

torta de cabaciña

Xa comezou o outono e as cabaciñas xa comezan a dar os seus últimos froitos. Agora cambiamos de estación e os produtos van variando, máis na horta, mentres no marche o soliño e non veña o frío, seguimos tendo unhas fermosas cabaciñas. Desta vez, facemos unha torta de cabaciña con ingredientes ben sinxelos e cun sabor que vos recordará ao da pizza, mais iso si, moito máis saudábel! Imos aló! Continue reading “Torta de cabaciña / Zucchini pie”